25 adegas da D.O. Rías Baixas participan como coexpositoras no pavillón de Galicia en FENAVIN


8 de maio de 2019.- O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas participa ata mañá na décima edición da Feira Nacional do Viño, FENAVIN, no Pazo de Exposicións e Congresos de Ciudad Real. É a terceira vez que a D.O. Rías Baixas acode a esta cita dentro do Pavillón de Galicia. Participa xunto a outras tres denominacións de orixe vitivinícolas galegas (Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras). Además, o pavillón galego acolle un túnel do viño no que están presentes diferentes marcas pertencentes ás cinco denominacións galegas.

 

No caso concreto da D.O. Rías Baixas tamén acoden 25 adegas da denominación como coexpositoras dentro do espazo dedicado a Galicia. Ata alí desprazáronse o secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro, xunto coa directora de mercadotecnia da denominación, Eva Mínguez.

 

A esta participación da D.O. Rías Baixas hai que sumarlle dezanove adegas desta zona vitivinícola que tamén están presentes en FENAVIN, pero situadas en stands ben de distribuidores, de grupos de empresas ou incluso de prescriptores. En todas elas amósanse as diferentes elaboracións destes viños atlánticos como son os escumosos de calidade, os brancos sobre lías, os viños criados en depósitos de aceiro inoxidable, os viños tintos, entre outros.

 

FENAVIN converteuse na feira monográfica do viño máis importante de España, cuxa cita bienal progresa adecuadamente edición tras edición. De feito, o Pazo de Exposicións e Congresos de Ciudad Real conta con dez pavillóns dedicados ao mundo do viño, ou o que é o mesmo un total de 34.000 metros cadrados de exposición, case 2.000 expositores entre adegas e cooperativas, a totalidade das denominacións de orixe e das Comunidades Autónomas, e máis de 19.000 compradores, 4.000 deles internacionais procedentes de máis de 100 países.