26 marcas da D.O. Rías Baixas foron galardoadas nos Bacchus 2021


1 de xuño de 2021.- A D.O Rías Baixas mantén un destacado palmarés nos Bacchus 2021, con 26 marcas galardoadas. Neste certame vinícola, un Rías Baixas da colleita 2011 foi premiado co Gran Bacchus de Ouro (cunha puntuación superior a 92), 12 viños desta denominación recibiron o Bacchus de Ouro (con cualificacións superiores a 88 puntos), 7 son da colleita 2020, 2 da 2017 e 1 da 2019, 2015 e 2013. Ademais, 13 marcas foron galardoadas co Bacchus de Prata (con puntuacións entre 84 e 87 puntos), 7 da colleita 2020, 4 da 2018 e 2 da 2019.

Considerado como o maior certame vitivinícola do país, á decimonovena edición presentáronse un total de 1.691 viños procedentes de 21 países. 83 catadores internacionais déronse cita a semana pasada no Casino de Madrid. Entre eles, algúns Masters of Wine como Andres Kubach, Norrel Roberston e Pedro Ballesteros, tamén importantes sumilleres, enólogos, representantes do sector da distribución ou xornalistas especializados procedentes de diversos países, como Italia, Suecia, Romanía, Francia, Reino Unido, Irlanda, Dinamarca, Eslovaquia, Alemaña, Arxentina, Finlandia, Uruguai, Estados Unidos, Polonia, Canadá, República Checa, Colombia, Portugal, México ou Moldavia.

Promovido pola Unión Española de Catadores (UEC), este importante certame internacional está auspiciado pola Organización Internacional da Viña, a Federación Mundial de Grandes Concursos de Viños e Espirituosos (VINOFED), entre outras, e conta co recoñecemento oficial do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Challenge International du Vin

Ademais, 7 viños da D.O. Rías Baixas foron premiados no Challenge International du Vin o pasado 25 de maio. Os galardóns repartíronse en 4 Medallas de Ouro -3 delas para a colleita 2020 e unha recaeu nunha 2017-, mentras que as 3 Medallas de Prata restantes foron para dúas 2020 e unha de 2019. Este certame, que ten lugar en Burdeos, está considerado un dos concursos máis prestixiosos a nivel internacional e dos máis antigos. Nesta edición participaron unhas 5.000 mostras, procedentes duns 37 países, que foron valoradas por 700 catadores.