Volver

07 de Novembro

49 marcas de 27 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas, presentes na feira Wine & Spirits de Hong Kong

7 de novembro de 2019.- A Denominación de Orixe Rías Baixas continúa a súa aposta por conquistar o mercado asiático coa participación na feira International Wine & Spirits Fair 2019. A cita co sector desenvólvese desde hoxe e ata o sábado 9 de novembro no Hong Kong Convention and Exhibition Center.

A este lugar desprazouse Ramón Huidobro, secretario xeral do Consello Regulador, e Rosa Martínez, técnico do Departamento de Marketing, para darlles a coñecer aos prescriptores asiáticos as características diferenciadoras destes viños atlánticos. A Denominación de Orixe Rías Baixas conta cun stand propio, dentro do pavillón do ICEX, no que se ofrece a posibilidade de degustar ata 49 marcas diferentes pertencentes a 27 adegas inscritas. A maioría dos viños presentados son da colleita 2018, se ben tamén se ofrecen referencias de anadas anteriores e algunhas elaboracións especiais, como crianzas sobre lías.

Son numerosos os profesionais que xa se achegaron ao expositor do Consello Regulador para afondar nos seus coñecementos sobre estes viños, que tan axeitados resultan para harmonizar coa gastronomía típica dos países asiáticos.

A undécima edición da Hong Kong International Wine & Spirits Fair 2019 conta con máis dun milleiro de expositores procedentes de 33 países de todo o mundo. A previsión de visitantes supera os 40.000, case a metade profesionais do sector de ata 74 nacionalidades diferentes.

Interese no mercado asiático

O mercado asiático é un dos puntos de interese para a Denominación de Orixe Rías Baixas, especialmente Xapón, seguido por China. Non en van, o Consello Regulador conta cunha campaña de promoción específica para Xapón, mentras que en China e noutros países do continente como Corea e Singapur desenvolvéronse accións puntuais encamiñadas a dar a coñecer estes viños atlánticos. Entre elas cabe destacar non só a participación nesta feira internacional do sector, senón tamén os dous showrooms organizados o pasado mes de xuño en Seúl e Singapur.

O traballo promocional efectuado tanto desde o Consello Regulador como por parte das adegas inscritas derivou nunha positiva evolución das vendas nos últimos anos. Así, no caso de China, nas tres últimas campañas o volume de exportacións incrementouse nun 85,88%, pasando dos 37.077 litros vendidos na campaña 16/17 aos 68.920 da presente (que vai desde o 1 de setembro de 2018 ata o 30 de agosto de 2019).

Pola súa parte, as exportacións a Japón aumentaron un 7,2% nas últimas tres campañas. Deste xeito, medrou o número de litros desde os 106.055 rexistrados en 2016/2017 ata 113.694,75.

No que respecta ao valor, tanto Xapón como China son mercados cun alto poder adquisitivo, polo que resultan de grande interese para os vinos de Denominación de Orixe Rías Baixas. Precisamente este aspecto tamén rexistrou unha evolución positiva nas últimas tres campañas. No caso nipón, incrementouse o valor nun 6,8%, á vez que en China o ascenso foi dun 69,91%.