68 marcas participan no Túnel do Viño da D.O. Rías Baixas en A Coruña


Un total de 68 marcas pertencentes a 23 adegas da D.O. Rías Baixas participaron hoxe no Túnel do Viño que este Consello Regulador organiza no NH Collection A Coruña Finisterre e que está dirixido ao sector profesional. Este é o primeiro evento no mercado nacional organizado pola D.O en 2021.

Desde o Consello Regulador adoptáronse todas as medidas hixiénico-sanitarias para favorecer que os participantes gocen dos viños de Rías Baixas con todas as garantías de seguridade. Así, para poder entrar no salón tómase a temperatura aos asistentes para recoller a súa respectiva copa e a cuspideira individual. En cada mesa, os camareiros encárganse do servizo do viño para evitar que os visitantes manipulen as botellas. A información sobre as distintas adegas e as súas marcas pódese consultar a través dos códigos QR dispostos en distintos puntos. Deste xeito, evítase o contacto coas botellas expostas, á vez que se reforza a hixiene de mans con diversos dispensadores de hidroxel por toda a estancia.

Ademais da limitación do aforo, establecéronse un total de catro sesións. Dous delas celebráronse pola mañá (entre 11.00 e 12,30 horas e de 13.00 a 14.30 horas), e outras tantas terán lugar esta tarde (de 18.00 a 19.30 horas e de 20.00 a 21.30 horas). Deixouse media hora de marxe entre sesión e sesión para que se poida proceder á desinfección do salón durante o desenvolvemento deste evento.

Con respecto ás referencias degustadas, os asistentes puideron probar un total de 33 marcas de Rías Baixas da anada 2020; unha da 2019, da 2017 e da 2012; nove do 2018, así como 3 do 2016 e outras tantas do 2015. Non faltaron os Rías Baixas Espumosos, así como as elaboracións especiais, que abarcaron viños sobre leas, en madeira e mesmo de parcelas ou leiras.