Volver

17 de Xullo

Boas perspectivas para os Rías Baixas polo aumento do interese dos viños Premium no mercado norteamericano

17 de xullo de 2019.- Representantes das adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas participaron esta mañá nunha xornada sobre mercados exteriores celebrada no Pazo de Mugartegui. Nela as dúas directoras de contas da axencia Gregory+Vine, Natasja Mallory e Trish Heywood, presentaron os resultados do seu estudo sobre as tendencias de consumo no mercado estadounidense, así como un balance da última campaña de promoción en Estados Unidos e un adianto da vindeira.

Na actualidade, das 182 adegas adscritas a esta denominación 109 atópanse xa en plans de exportación, case o 60%. Delas, unhas 50 exportan a Estados Unidos, principal mercado internacional para os viños de Rías Baixas, ao que se venderon o pasado exercicio 2018 un total de 2.373.862,93 litros.

Gregory+Vine destaca que, se ben o consumo de viño en xeral se retardou e sitúase nun 1,4%, no caso dos viños Premium –segmento no que se inscriben os Rías Baixas- esta porcentaxe increméntase ata o 4 e o 8%. Estas cifras ofrecen unhas perspectivas moi favorecedoras para os viños desta D.O., máxime no contexto actual no que os consumidores americanos demandan viños brancos importados –que non sexan tipo Chardonnay-, principalmente frescos e escumosos.

Incremento dun 30% en presenza en medios

Por outra parte, a agencia Gregory+Vine presentou o balance da súa campaña promocional 2018-2019, que rexistrou moi bos resultados. “Acadamos un récord de 399 artigos publicados sobre os viños de Rías Baixas tanto en xornais como en revistas. Esta cantidade supón un incremento dun 30% con respecto á campaña anterior”, detallou Natasja Mallory.

Estas publicacións víronse reforzadas a través da propia web www.riasbaixaswines.com, así como polas mensaxes e as interaccións en redes sociais a través dos perfís de Facebook, Twitter e Instagram. Esta última rede social centrará gran parte dos esforzos en marketing dixital para a seguinte campaña.

A nova campaña seguirá a mesma liña que a anterior, incorporando certas novidades. A máis destacada delas comprenderá a posta en marcha de distintos tipos de eventos, en concepto pop-up, que se levarán ás cidades de Miami, Os Ánxeles e Chicago. “Desenvolveranse iniciativas promocionais en tendas especializadas e puntos de venda para dar a coñecer entre os consumidores a calidade dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas”, concretou Mallory.

Presenza na Texsom Conference

Ademais das accións dirixidas a consumidores, o Plan Promocional do Consello Regulador en EEUU continuará ofrecendo formación específica sobre estes viños a profesionais das escolas de sumillería. Como gran novidade, os viños de Rías Baixas estarán presentes, por invitación da propia organización, na vindeira edición da Texsom Conference. Trátase do maior encontro de profesionais da sumillería de Estados Unidos, que se desenvolve todos os anos en Texas.

Esta  destacada cita está organizada polas catro organizacións máis importantes que imparten e certifican coñecementos en viños: The Court of Master Sommeliers Americas, GuildSomm, Wine & Spirit Education Trust e Somm Foundation. Todo un fito para os viños da D.O. Rías Baixas, que acudirán por primeira vez a este encontro de profesionais.