Catro xornalistas irlandeses visitan a D.O. Rías Baixas


Percorrerán seis adegas de tres subzonas da denominación

31 de maio de 2017.- Un grupo de catro xornalistas irlandeses visitaron onte e hoxe a Denominación de Orixe Rías Baixas para profundar no seu coñecemento destes viños atlánticos. Persoal do Consello Regulador acompañaralles estes dous días nos que visitarán seis adegas e tamén viñedos da denominación.

Durante esta viaxe, os xornalistas coñecerán in situ o territorio, así como diferentes tipoloxías de viños da D.O. Rías Baixas. Para iso, trasladáronse ata a subzona do Salnés, onde onte mesmo visitaron tres adegas e os seus viñedos. Hoxe o percorrido realizarase polas subzonas do Condado do Tea e do Rosal, onde terán a oportunidade de coñecer outras tres adegas cos seus viñedos.

Irlanda é un dos dez mercados relevantes da D.O. Rías Baixas. Máis concretamente, ocupa a sétima posición, con 182.796,25 litros e un crecemento constante no últimos seis anos. Non en balde, o Consello Regulador conta cun plan específico de promoción neste país. Precisamente en 2017 están previstas dúas misións inversas de prescriptores, a primeira a actual e a segunda será a final de ano, así como diferentes catas e seminarios formativos no devandito país.

Xornalistas

Corina Hardgrave, xornalista, editora e redactora nunha consultoría de márketing dixital, así como especialista en gastronomía en medios como The Sunday Times; en viño, no Irish Independent, así como en viaxes, onde é editora da revista Frequent Business Club.

Ciara O’Kelly, xornalista gastronómica e de viaxes, é tamén editora do Irish Country Living, suplemento no xornal Irish Farmer’s, cunha tirada de 700.000 exemplares. James Alan Kavanagh, xornalista freelance da revista Selar, é, ademais, un dos maiores influencers de Irlanda con máis de 12.000 seguidores en Twitter e máis de 48.000 en Instagram.