A Denominación de Orixe Rías Baixas acolle a visita dos responsables da sección de viños de dúas destacadas escolas de hostalería de Benelux


Lucas Delforge e Gregor Thissen valoraron moi positivamente a capacidade de garda, a acidez e a mineralidade dos viños.

14 de xuño de 2017.- A Denominación de Orixe Rías Baixas acolle estes días a visita de dous profesionais pertencentes a dúas destacadas escolas de Hostalería de Benelux. Lucas Delforge e Gregor Thissen son os responsables da sección de Viños das Hotelschol de Anveres e Maastricht, respectivamente. No seu percorrido estiveron acompañados polo consultor Germán Muñoz, de Terroir 34, quen destacou que ambos se mostraron moi gratamente sorprendidos pola excelente capacidade de garda, a acidez, a mineralidade natural e a espectacular salinidade dos viños.

Tanto Delforge como Thissen coñecían previamente os Rías Baixas, a través das catas desenvolvidas nas súas respectivas Escolas de Hostalería. Con todo, en palabras de Germán Muñoz, durante esta viaxe déronse conta da súa elevada complexidade e de que contan cunhas características específicas que os fan únicos, como o seu terroir, ou a historia e cultura das que forman parte. Son viños equilibrados, elegantes e longos en boca que, ademais, combinan perfectamente con distintos tipos de pratos, como as ensaladas, o xamón, as alcachofas ou os espárragos.

A misión inversa que se desenvolve ata mañá encádrase dentro do plan de promoción do Consello Regulador en Benelux. Entre as actividades desenvolvidas, cuxo lema é Rías Baixas, sementando o futuro, atópanse seminarios formativos nas principais Escolas de Hostalería, ademais das viaxes de familiarización como o protagonizado por Delforge e Thissen.

O que buscamos con este tipo de accións é fidelizar os máximos responsables das Escolas de Hostalería, xa que eles son os que forman aos profesionais do mañá. Deste xeito, asegurámonos de que os futuros catadores coñezan e teñan como referencia os Rías Baixas. Ademais, cando xurdan preguntas na aula sobre estes viños, os profesores poderán responderlles con coñecemento de causa, concreta Muñoz.

Holanda e Bélxica, entre os dez primeiros mercados exteriores

Holanda e Bélxica atópanse en entre os dez primeiros mercados exteriores dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. No caso do país holandés, que ocupa o sexto posto no ránking de exportacións, o pasado ano enviáronse un total de 247.683,50 litros de viño. Bélxica ocupa o décimo posto no ránking e rexistrou o pasado ano un volume de exportacións de máis de 80.000 litros.