A Denominación de Orixe Rías Baixas pecha a vendima 2018 con 38,5 millóns de kg de uva


13 de novembro de 2018.- O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas dá por concluída a vendima 2018 con 38.595.306 quilos de uva, un 1,9% menos que na campaña anterior. A recollida prolongouse desde o 8 de setembro ata o 14 de outubro. “A colleita tivo lugar nas datas habituais para esta denominación”, explica o director técnico do Órgano de Control e Certificación do Consello Regulador, Agustín Lago. O bo tempo permitiu ademais realizala con soseigo, orde e bo ritmo.

Se algo caracterizou esta vendima foi “o magnífico estado sanitario da uva”, engade Agustín Lago, para quen “a estabilidade meteorolóxica de agosto e setembro, con tempo seco e soleado, permitiu que a fase de envero se desenvolvese de modo axeitado e que finalmente a uva se atopase en moi boas condicións”.

O primeiro semestre deste ano estivo meteoroloxicamente marcado pola sucesión de sistemas frontais, procedentes do océano Atlántico, que deixaron en primavera temperaturas frías e elevadas precipitacións e fixeron temer que o rendemento do viñedo se vise afectado. Sen embargo a brotación foi excelente, e aínda que se produciron algúns ataques de mildeu e oídio, localizados especialmente na subzona do Condado do Tea, ademais dalgunhas perdas por corremento de flor, unha defensa adecuada contra os fungos por parte dos viticultores e unha meteoroloxía favorable na segunda metade do verán fixeron posible anular ameazas. De maneira que finalmente a Denominación de Orixe Rías Baixas superou as previsións iniciais de estimación de vendima con só unha merma del 1,9 % con respecto a 2017, acadando os 38.595.306 kg.

Nesta campaña de vendima participaron 5.265 viticultores, que recolleron uva en 4.043 hectáreas, repartidas entre 21.722 parcelas, para 183 adegas inscritas. O Consello Regulador empregou o sistema de auditoría no que traballaron 25 auditores/vedores.

Volume por variedades e subzonas
As variedades brancas nesta denominación continúan sendo as maioritarias, supoñendo un 99,15%. Delas, a variedade autóctona Albariño é a raíña co 97% do total. Séguenlle, nesta ocasión, a Caiño Branco, a Treixadura e a Loureira.

Pola súa parte, as variedades tintas representan un 0,80% do total da produción con 306.905 quilos de uva, na súa maioría recollida na subzona do Condado do Tea. As variedades maioritarias son a Sousón, a Brancellao e a Caíño Tinto.

En canto á distribución da vendima por subzonas, a do Salnés mantén a súa hexemonía co 65% da produción (superando os 25 millóns de quilos de uva). Séguenlle o Condado do Tea co 20% e O Rosal, co 10%. O 5% restante recolleuse en Ribeira do Ulla e Soutomaior.

Con estes máis de 38,5 millones de quilos de uva prevese elaborar uns 26 millóns de litros de viño para atender a demanda dos viños da D.O. Rías Baixas nos mercados galego, español e internacional.