A Denominación de Orixe Rías Baixas regresa á London Wine Fair con 82 marcas de 46 adegas


O Wine Bar habilitado polo Consello Regulador recibe cada día multitude de profesionais interesados nos seus viños.

23 de maio de 2017.- A Denominación de Orixe Rías Baixas acudiu, un ano máis, á London Wine Fair, que se desenvolve ata mañá no céntrico recinto londiniense de Olympia. Como en anteriores ocasións, a caseta do Consello Regulador é un wine bar onde os asistentes poden degustar ata 82 marcas pertencentes a 46 adegas.

Son multitude os profesionais que estes días pasan pola caseta do Consello Regulador co fin de coñecer a variedade de matices dos Rías Baixas. Desde o Departamento de Márketing, Rosa Martínez, ofrece aos visitantes detalles sobre os distintos tipos de viño presentados nesta feira. Catadores, importadores, encargados de compras ou restauradores conforman o perfil de visitantes á caseta da Denominación de Orixe na London Wine Fair. En xeral, todos teñen coñecemento sobre os viños de Rías Baixas, especialmente sobre a variedade albariño, aínda que se interesan por degustar diferentes elaboracións e valorar a evolución do traballo que se está desenvolvendo desde as adegas inscritas ao Consello Regulador.

A London Wine Fair converteuse nunha das citas obrigadas no calendario de promoción do Consello Regulador. Reino Unido é o segundo mercado internacional da Denominación de Orixe Rías Baixas e o interese polos seus viños segue en aumento. Non en balde, o volume de exportacións en 2016 incrementouse nun 7,63% con respecto ao exercicio anterior, vendéndose a este país un total de 1.067.483,05 litros. O valor, pola súa banda, tamén rexistrou un aumento con respecto a 2015, pasando dos 4.644.499,27 euros aos 5.114.140,56 euros do pasado ano (unha suba de máis dun 10%).

Dada a importancia deste mercado, o Consello Regulador conta desde hai anos cun plan específico de promoción en Reino Unido. Comprende desde a asistencia a citas como a London Wine Fair á posta en marcha de misións inversas con prescriptores ingleses, como a que terá lugar no próximo mes de xullo, pasando por accións concretas como un showroom e Túnel do Viño na cidade de Leeds previsto para o 13 de xuño.