A D.O. Rías Baixas acolleu hoxe a cata Gallaecia no Pazo de Mugartegui


13 de agosto de 2019.- A Asociación de Sumilleres Gallaecia realizou hoxe a súa tradicional cata na sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas. Ata alí desprazáronse dezasete expertos, que valoraron 140 marcas da denominación. Mañá continuarán e avaliarán 60 marcas máis de Rías Baixas nas mesmas instalacións do Consello Regulador.

Dezasete profesionais –entre sumilleres, enólogos, técnicos de Consellos Reguladores e críticos- foron os encargados de valorar as referencias. Dividíronse en tres paneis de cata, sen recibir máis información sobre cada viño que a colleita á que corresponde. Cada panel de cata organizou as marcas en bloques de 25. Esta mañá avaliaron viños brancos das distintas tipoloxías acollidas na Denominación de Orixe, desde viños da colleita 2018 ata viños sobre lías, con madeira, seleccións de colleita... Os sesenta viños que catarán mañá repartiranse entre tintos e escumosos Rías Baixas.

Unha colleita divertida

Mariña Fernández Toro, sumiller e responsable de sala do restaurante coruñés Nado, explicou que tanto para ela como para os seus compañeiros foi unha magnífica experiencia “porque esta colleita está sendo moi divertida pola diversidade entre marcas. Cada viño catado é moi diferente dos outros, aínda que todos manteñen a tipicidade e o frescor da variedade”, explica Fernández Toro. Dentro desta cata cega na que hoxe só se valoraron diferentes tipos de viños brancos "tamén estamos catando colleitas antigas  que demostran a riqueza da uva albariña, que ten un poder de envellecemento altísimo e posúe unha gran calidade", engade Mariña Fernández.

Agustín Lago, director do Órgano de Control e Certificación da Denominación de Orixe, afirma que “para nós é unha gran oportunidade contar coa Asociación de Sumilleres de Galicia Gallaecia”. Nesta ocasión “o noso departamento está para apoialos a axudarlles no que precisen para que poidan traballar profesionalmente na súa grande achega á guía de Gallaecia”, detalla Lago.

Cata final

Para principios de setembro está prevista a cata final, na que participarán as referencias que nesta fase previa superen os 87 puntos. A diferencia das precatas, nas que as adegas remiten as súas mostras a concurso, na cata final é a organización a que se encarga de adquirilas directamente no mercado. Na final as Distincións de Gallaecia recaen nos viños cunha puntuación de 92 ou superior.