A D.O. Rías Baixas inicia o seu roadshow por Asia, que ofrecerá showrooms en Seúl e Singapur


10 de xuño de 2019.- A D.O. Rías Baixas continúa a súa conquista do mercado asiático cunha nova acción promocional, grazas ao apoio da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa e dentro do Plan Internacional de Promoción no marco do Programa Operativo de Crecemento Intelixente, para o periodo 2014-2020. Un total de 47 marcas pertencentes a 11 adegas amosaranse esta semana ante profesionais do sector a través de dous showrooms nas cidades de Seúl e Singapur.

O secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro, e a responsable do departamento de mercadotecnia, Eva Mínguez, desprazáronse ao continente asiático para participar nas dúas iniciativas. A primeira delas desenvolveuse hoxe no hotel Gran Hyatt Seoul. Á cita asistiron o embaixador de España en Corea, Juan Ignacio Morro Villacián, e o conselleiro xefe da Oficina Económica e Comercial de España en Corea do Sur, Antonio Estévez Marín.

As propostas dirixidas aos prescriptores constaron dunha Marsterclass, na que Huidobro encargouse de explicar as características diferenciadoras do territorio da D.O. Rías Baixas e dos seus viños. A este seminario acudiron un total de 60 persoas, quedando varios en lista de agarda, o que demostra o alto interese dos profesionais do sector nos viños desta Denominación de Orixe.

A esta actividade seguiulle un almorzo networking, no que os representantes das adegas participantes puideron establecer contactos cos profesionais do sector. A xornada completouse cunha degustación das diferentes marcas presentadas nesta iniciativa. As propostas foron moi ben acollidas polos profesionais asiáticos, interesados en descubrir máis detalles sobre os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas co fin de incorporalos ao seu portfolio de produtos.

O periplo polo continente asiático continuará este mércores cunha completa xornada en Singapur. Ademais de ofrecerlles ás adegas participantes a posibilidade de visitar distintos puntos de venda para coñecer de primeira man a demanda e gustos do mercado nesta cidade, ofreceranse tres actividades aos prescriptores asiáticos no Hotel Andaz Singapore. Do mesmo xeito que no caso anterior, impartirase unha Masterclass sobre estes viños atlánticos, un almorzo networking e unha degustación final.

Un mercado en auxe

O asiático é un mercado moi interesante para os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Por iso, o Consello Regulador conta cun plan promocional específico para este continente.

O pasado ano exportáronse a este continente 176.616,50 litros de viño por un valor de 1.132.785,82 euros. Estas cifras supoñen un incremento dun 2,4 e dun 8,5 por cento, respectivamente, con respecto ao exercicio anterior.

Dentro do mercado asiático, destacan especialmente as vendas efectuadas a destinos como Xapón. Alí exportáronse 84.569 litros o pasado ano por un valor de 514.378,78 euros. Destacadas tamén son as vendas en China, con 47.778.50 litros enviados por un valor de 49.533,95 euros.