A D.O. Rías Baixas ofrecerá unha cata comentada para profesionais na XII Festa do Tinto das Neves


A sesión, conducida polo sumiller José Aragunde, terá lugar o xoves 6 no mercado municipal.

30 de xuño de 2017.- A Denominación de Orixe Rías Baixas ofrecerá unha cata comentada de viños dentro da XII Festa do Tinto Rías Baixas, que se desenvolverá nas Neves a próxima semana. O secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro; o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, e o sumiller José Aragunde presentaron esta mañá no Pazo de Mugartegui a programación desta cita.

Na súa intervención, Ramón Huidobro encomiou o traballo realizado polas adegas, que cren nos tintos de Rías Baixas, altamente valorados e que están de moda. Non en balde, comentou que a Master of Wine Sarah Jane Evans -a quen convidou á cata comentada pero que non poderá asistir- indicoulle que o próximo mes celebrarase unha cata de viños tintos e Rías Baixas vai ter unha importante presenza.

Pola súa banda, José Aragunde ofreceu unha breve cata comentada de tres viños ao finalizar a presentación a modo de preludio da sesión que se desenvolverá nas Neves, indicou. O catador destacou que os tintos de Rías Baixas caracterízanse por un paso fluído por boca, pola súa frescura, unha sutil acidez e por ter menor grao alcóholico. Estas características, unidas a unhas variedades autóctonas moi diferentes, crean uns viños que teñen moita personalidade e que expresan á perfección o territorio.

Aforamento limitado.

O mercado do Concello das Neves acollerá o vindeiro xoves 6 de xullo a cata comentada de viños tintos de Rías Baixas dirixida a profesionais. A sesión estará dirixida polo sumiller José Aragunde e terá lugar ás 21:00 horas. O aforamento está limitado a 40 prazas, polo que é necesario realizar reserva previa a través dos teléfonos 686 978 607 e 630 628 040.

Esta iniciativa conforma unha das principais novidades desta duodécima edición da festa, á que se suman outras catas maridaxe e charlas específicas sobre viticultura que se desenvolverán do 5 ao 7 de xullo. Así o indicou Xosé Manuel Rodríguez, quen tamén anunciou que a festa se presentará o vindeiro martes en Cambados. Os días grandes da XII Festa do Tinto Rías Baixas das Neves serán o 8 e 9 de xullo.