A D.O. Rías Baixas pon en marcha un proxecto para facilitar e ampliar a venda directa desde as adegas


4 de maio de 2020.- A D.O. Rías Baixas acaba de por en marcha hoxe, a través da súa páxina web, un proxecto de venda directa desde as súas adegas. Ata o momento súmanse máis de 80 adegas a esta iniciativa, que consiste nun directorio que recolle os contactos de todas as empresas participantes e que está emprazado na web doriasbaixas.com. Esta iniciativa darase a coñecer a través das súas redes sociais.

O proxecto dá a posibilidade aos consumidores de contactar directamente coa adega (teña ou non plataforma en-liña) vía telefónica ou por email para adquirir aquelas marcas de viño que desexen. De maneira que a partir de hoxe o consumidor final xa pode adquirir e recibir no seu domicilio calquera das marcas de Rías Baixas que aparecen na nova sección creada para tal fin dentro da web www.doriasbaixas.com.

Esta iniciativa xurde da necesidade de visibilizar o traballo das adegas, de forma que o consumidor poida acceder a súa marca preferida, que non atopa no seu establecemento de referencia. Baixo o nome “#RíasBaixasEnCasa” e a lenda “Por ti, polos teus, por todos nós”, con esta acción o Consello Regulador pretende incidir nalgúns dos valores importantes asociados á D.O. Rías Baixas: descubrir, desfrutar, compartir e apoiar.

Diferentes estudos e informes amosan que, desde que o Goberno da nación decretou o Estado de Alerta, o consumo de viño nos fogares está crecendo mentres que o consumo no sector hostaleiro está paralizado. Tan so o 46% das empresas desta denominación, 62 das 184 adegas adscritas, están presentes na Canle de Alimentación, segundo o informe da Consultora Nielsen, mentres que o 54% restante vende na Canle Horeca, de momento pechado. Por iso, a D.O. Rías Baixas non quere ser allea a esta situación e quere facilitar e ampliar o acceso directo ao consumidor final aos seus vilos, poñendo en marcha esta iniciativa na que xa participan máis de 80 empresas e cuxo número continúa incrementándose.