A D.O. Rías Baixas realizará o seu brinde polo viño con D.O. en Salvaterra do Miño


7 de maio de 2019-. Todo preparado na D.O. Rías Baixas para a terceira edición do DÍA MOVIMIENTO VINO D.O. que este ano nos levará ata a Praza do Castelo en Salvaterra do Miño. O acto comezará ás 13 h. coa actuación do grupo La Casa de los Ingleses. Co gallo da celebración do Día Movimiento Vino D.O., o Museo da Ciencia do Viño de Salvaterra abrirá as súas portas durante toda a xornada de balde.

Este sábado 11 de maio ás 13:30 horas milleiros de persoas alzarán as súas copas polo viño con D.O. tamén desde outras tres denominacións de Galicia, concretamente Ribeiro, Ribeira Sacra e Monterrei, e desde 26 denominacións do resto de España. Todas elas participarán nun brinde simultáneo. O responsable de oficiar este brinde en Rías Baixas será o seu director xeral, Ramón Huidobro, que brindará cun albariño Rías Baixas co público asistente.

Esta terceira edición servirá ademais para reivindicar o papel que desempeñan as denominacións de orixe nas zonas rurais, desde diversos puntos de vista: o socioeconómico, xerando desenvolvemento económico para as súas zonas, ofrecéndolles oportunidades laborais e proxectos de vida ás futuras xeracións e contribuíndo por tanto a xerar un desexo por vivir e p or desenvolver proxectos nas zonas rurais, fixando así poboación ao territorio; o ambiental, promovendo a conformación de ecosistemas positivos para o medio ambiente e preservando e fomentando a biodiversidade; e desde o punto de vista cultural, como instrumento que contribúe a revitalizar e dinamizar os recursos culturais desas zonas, como elemento de promoción do patrimonio histórico-artístico dunha zona a través do turismo ligado ás denominacións de orixe.

29 denominacións de orixe celebrarán este gran brinde conxunto polo vino con denominación de orixe. Esta cifra supón un récord de participación respecto a edicións anteriores e é o reflexo do compromiso das DDOO por poñer en valor os viños de calidade da súa zona, así como os valores ligados aos viños con D.O.: calidade, diversidade, autenticidade, arraigo cultural, seguridade alimentaria, estilo de vida saudable, protección do medio ambiente. As denominacións de orixe que este ano participan no DÍA MOVIMIENTO VINO D.O. son: Almansa, Arlanza, Binissalem, Bullas, Calatayud, Catalunya, Cigales, Condado de Huelva, Jumilla, La Mancha, Lanzarote, León, Monterrei, Montilla-Moriles, Navarra, Pla i Llevant, Rías Baixas, Ribera del Guadiana, Ribeira Sacra, Ribeiro, Rueda, Rioja, Tacoronte-Acentejo, Toro, Uclés, Valdepeñas, Valencia, Vinos de Madrid e Yecla.

Redes sociais

As redes sociais xogarán un papel importante durante este día. Aqueles usuarios que compartan as súas fotografías brindando ou gozando desta xornada co cancelo #BrindisMVDO entrarán no sorteo de packs de viño con denominación de orixe. E co cancelo #DíaMovimientoVinoDO poderase seguir todo o que suceda nesta emocionante xornada.