As eleccións a vogais do pleno do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas serán este domingo, de 10:00 a 17:00 horas


Haberá trece mesas distribuídas nos concellos de Arbo, Cambados, Meaño, O Rosal, Ribadumia, Portas, Salvaterra do Miño, Sanxenxo, Vedra e Vilanova de Arousa

7 de xullo de 2017.- As eleccións para a renovación dos vogais do pleno do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas celebraranse o domingo 9 de xullo, en horario de 10:00 a 17:00 horas. Son os segundos comicios que se organizan desde o Consello Regulador e foron convocados segundo a orde do 3 de abril de 2017 da Consellería do Medio Rural.

Para as votacións habilitaranse 13 mesas electorais distribuídas en dez municipios: dúas mesas nos concellos de Cambados, Meaño e Ribadumia; e unha mesa en Salvaterra do Miño, Sanxenxo, Vedra, Vilanova de Arousa, Arbo, O Rosal e Portas. Os viticultores deberán votar no municipio no que teñan situada a leira máis grande.

Nestas eleccións poden exercer o dereito a voto 3.683 viticultores no Censo A1 (produtores de menos de 2 hectáreas). 201 viticultores no Censo A2 (de máis de 2 hectáreas) e 126 no Censo B1 (de adegas de menos de 100.000 litros). O Consello Regulador informa de que nos censos B2 (adegas de máis de 100.000 litros de viño cualificado) e C (Cooperativas e Adegas de base cooperativa) non será necesario votar por presentarse unha única candidatura. Entre os días 17 e 28 de xullo constituirase o novo Pleno, que será o encargo de elixir o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Eleccións

Este domingo someteranse a votación os censos A1 e A2, que se dividen á súa vez en 3 subcensos: O Rosal, Condado do Tea-Soutomaior; e Val do Salnés-Ribeira do Ulla. Os votantes do censo A1, de viticultores de menos de 2 hectáreas, elixirán 5 vogais: tres en Val do Salnés-Ribeira do Ulla, 1 vogal no Rosal e outro vogal nas subzonas do Condado do Tea e Soutomaior.

Os votantes do censo A2, que acolle a viticultores de máis de 2 hectáreas, elixirán 4 vogais: 2 na subzona Val do Salnés-Ribeira do Ulla, un vogal no Rosal e outro vogal en Condado do Tea e Soutomaior. Os electores do censo B1, correspondente a adegas de menos de 100.000 litros de viño cualificado, escollerán 2 vogais.