A Guía Peñín avalía 270 marcas da Denominación de Orixe Rías Baixas


Pontevedra, 11 de abril de 2019.- O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas acolleu a cata da Guía Peñín de 2019. O director da guía, Carlos González, e o seu editor, Javier Luengo, avaliaron algo máis de 270 referencias, o que supón un récord para esta publicación en Rías Baixas.

 

Carlos González explica que nesta ocasión a cata adiantouse un par de meses con respecto ao que viña sendo habitual. Esto permitiulles contar con máis viños de colleitas anteriores, xa que a de 2018 aínda non ten presenza xeneralizada no mercado. Deste xeito, boa parte dos viños avaliados pertencen á colleita 2017 e previas como 2016, 2015, 2014 ou incluso 2010. González afirma que comprobaron que “o albariño Rías Baixas exprésase moi ben co tempo, e resultan viños moi complexos, sacan moita mineralidade, salinidade, expresión balsámica, loureiro, herbas verdes...".

 

O responsable da Guía Peñín fixo fincapé na súa función educativa para o consumidor de viño: “como prescriptores intentamos que non teña tanta présa en consumir viños brancos do ano, e en Rías Baixas precisamente vese que teñen acidez, evolucionan moi ben e non hai risco de que a botella decaia en dous ou tres anos, todo o contrario”. De feito, viños de 2017 catados o ano pasado, acabados de saír ao mercado, obteñen agora unha media de dous ou tres puntos máis.

 

Carlos González eloxiou o labor efectuado polo sector de Rías Baixas nos últimos anos. Nun contexto de incremento do consumo de viño branco, o director da Guía Peñín considera que “os albariños de Rías Baixas están moi ben referenciados e moi ben considerados porque souberon manter os prezos" apostando pola calidade e polo coidado da materia prima.

 

 

A cata

A avaliación de hoxe desenvólvese con etiqueta á vista e co tradicional sistema de fases visual, olfativa e gustativa, valorando en conxunto o equilibrio e a complexidade de cada marca. Carlos González defende que “temos a etiqueta presente porque para nós é importante poñernols na pel do consumidor, e tamén saber de que colleita é o viño, quen é o elaborador, que factores puideron influír no viño…”.  

 

Neste sentido, o responsable de Peñín expuxo que é das poucas guías que procuran viaxar ás zonas de produción de viños para coñecer as viñas e obter a maior cantidade posible de información de cada denominación con vistas a acadar puntuacións máis obxectivas. 

 

A Guía Peñín recolle uns 12.000 viños

A Guía Peñín é unha das publicacións de referencia para os viños españois a nivel nacional e internacional. Está a punto de cumprir os seus primeiros trinta anos. A súa primeira edición como Guía de Vinos y Bodegas de España, de 1990, incluía uns 4.000 viños catados dunhas 1.200 adegas españolas, nunha época na que só existían 39 denominacións de orixe recoñecidas.

 

Na actualidade, esta guía recolle unhas 12.000 referencias, o que fai que sexa unha publicación moi completa. Posúe unha tiraxe anual duns 15.000 exemplares. Carlos González destaca que na actualidade contan cun “equipo novo e máis multidisciplinar que nas orixes, cundo había un perfil máis xornalístico". O director agradeceu que cada vez máis adegas colaboren porque “vennos como un punto de apoio para poder facer mellores viños e vender máis”.