Inaugurada a LXVII Fiesta do Viño Albariño D.O. Rías Baixas en Cambados con gran afluencia de público no Paseo da Calzada


31 de xullo de 2019.- A LXVII Festa do Viño Albariño D.O. Rías Baixas, inaugurada este mediodía, é “un escaparate marabilloso dos nosos viños”. Así o indicou o presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo, na apertura oficial da celebración, que se prolonga ata o domingo.

Nese mesmo momento abríronse no Paseo da Calzada as 42 casetas nas que 44 adegas da Denominación de Orixe amosan as súas elaboracións ao público. As casetas pechan ás tres da madrugada e o sábado o horario alóngase media hora máis.

Gil de Araujo animou ao público a participar nunha celebración para a que albergan “boas perspectivas” de asistencia. Ademais aproveitou a ocasión para resaltar que nos atopamos ante “un dos viños brancos máis importantes do mundo”. Neste sentido, o presidente do Consello Regulador matizou que “somos a punta de lanza do desenvolvemento dos viños de Galicia e da internacionalización dos brancos en España. Por todo isto, estamos ante un sector económico trascendental para Galicia”.  

Na inauguración participaron tamén o conselleiro de Medio Rural, José González; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal; e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, entre outros.

O responsable autonómico de Medio Rural gabou o traballo que se está desenvolvendo desde o Consello Regulador: “Rías Baixas é claramente a Denominación de Orixe que máis está a despuntar no que se refire a facturación e internacionalización dos seus viños”.  O conselleiro destacou que para a Xunta “o viño é un elemento central do que é a producción agroalimentaria de calidade”.

Pola súa parte, a presidenta provincial lembrou a condición de festa declarada de Interese Turístico Internacional estreada este ano para a Festa do Viño Albariño D.O. Rías Baixas. Ademais fixo fincapé non só no éxito promocional senón tamén no feito de que “cada vez máis adegas únense e teñen proxectos conxuntos”.

Finalmente, a alcaldesa de Cambados animou á xente a acchegarse pola localidade algún destes días e sinalou que “é unha satisfacción que ano a ano sigamos reunindo máis xente arredor das casetas da Denominación de Orixe Rías Baixas no Paseo da Calzada”.

Inauguración do IX Túnel do Viño
A actividade no Paseo da Calzada, que chegará ata o domingo 4 de agosto, combinarase co IX Túnel do Viño Rías Baixas en Cambados, organizado polo Consello Regulador no Salón de Congresos e Exposicións José Peña, que constitúe “un ámbito profesional para saber de verdade o que estamos facendo na denominación”, explicou o presidente do Consello Regulador.

A inauguración oficial desta cita será mañán ás 13:00 horas e contará co vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores; o presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo, e o secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro.

Por un prezo de 15 euros, os visitantes poderán degustar 161 marcas pertencentes a 60 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas. O horario de apertura das instalacións é de 12:00 a 14:30 horas e de 19:00 a 21:00 horas o xoves e o venres, mentres que o sábado e o domingo abrirán de 12:00 a 14:30 horas.

 

XXXI Cata Concurso Rías Baixas Albariño

Tamén mañá xoves comezará a XXXI Cata Concurso Rías Baixas Albariño, que como en anteriores ocasións desenvolverase nas instalacións do Parador do Albariño de Cambados. O panel de cata estará integrado por 22 expertos, pertencentes tanto ao panel de cata interno do Consello Regulador como a un externo disposto para a ocasión.

A primeira fase desta cata concurso, denominada Cata Prima, desenvolerase entre as 10:00 e as 12:00 horas de mañá. O panel de cata dividirase en dous para avaliar as 59 marcas que se presentan a este certame e que serán puntuadas de acordo á normativa establecida pola Organización Internacional do Viño (OIV).

A fase final, ou Cata Derradeira, terá lugar o venres 2 de agosto ás 11:00 horas. Dela sairán os tres viños que serán nomeados os mellores Rías Baixas Albariño da Colleita 2018. Os premios entregaranse o domingo 4 de agosto durante o tradicional almorzo do Capítulo Serenísimo no Pazo do Torrado.