Máis de 500 persoas brindan en Cambados con Rías Baixas co gallo do primeiro día movimiento vino D.O.


  • O presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo, dirixiu o brinde colectivo na Praza do Concello
  • O sumiller José Luis Aragunde leu o manifesto que convertiu os asistentes en embaixadores destes produtos

20 de maio de 2017-. Máis de cincocentas persoas alzaron esta mañá as súas copas no brinde colectivo con motivo do primeiro DÍA MOVIMIENTO VINO D.O. O acto desenvolveuse na Praza do Concello de Cambados, Cidade Europea do Viño 2017, e estivo amenizado polo grupo La Casa de los Ingleses.

En primeiro lugar, o catador cambadés José Luis Aragunde leu o Manifesto Movimiento Vino D.O. A través del, todos os asistentes convertéronse en embaixadores dos viños con Denominación de Orixe. O momento máis importante estivo protagonizado polo brinde colectivo que dirixiu o presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo. Os máis de 500 asistentes alzaron conxuntamente as súas copas, realizando o xesto Movimiento Vino D.O. (xirando a copa para que o viño se exprese). Gil de Araujo valorou positivamente a acollida de Cambados: Xornadas como a do Día Movimiento Vino D.O. permítennos promocionar entre os consumidores a calidade dos nosos produtos. Espero que este sexa o primeiro de moitos brindes colectivos.

Non quixeron faltar a este acto a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, e o concelleiro de Enoturismo, José Ramón Abal. Agradeceron ao Consello Regulador que escollesen a capital cambadesa para desenvolver un acto tan importante como este, especialmente nun ano que Cambados é a Cidade Europea do Viño. Tamén participou no devandito acto a xefa de área de Pontevedra da Axencia Galega de Turismo, Ma Ángeles Ferreiro.

Xunto con Rías Baixas, 23 denominacións de orixe españolas celebraron con este brinde conxunto ás 13:30 h. o DÍA MOVIMIENTO VINO D.O.

 

Sobre MOVIMIENTO VINO D.O.:

MOVIMIENTO VINO D.O. é unha iniciativa impulsada pola Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV), que integra 52 Denominacións de Orixe de viño españolas. Concibida como porta de entrada de novos consumidores, especialmente os máis novos, ofrece contidos de elaboración propia cunha linguaxe fresca, directo, visual e desde a óptica do goce, a través da plataforma web e nos perfís das redes sociais, logrando unha interacción continuada e á alza entre apaixonados e non apaixonados do viño.