Medio milleiro de profesionais asistiu ao salón do Viño ofrecido pola Denominación de Orixe Rías Baixas en Xixón


Membros da Asociación de Catadores Asturiana acudiron a unha cata dirixida por un técnico da denominación.

7 de marzo de 2017.- O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas protagonizou onte un Salón do Viño no Hotel ABBA Praia de Xixón. A cita resultou un éxito de convocatoria coa asistencia de medio milleiro de profesionais do sector asturiano (hostaleiros, distribuidores, catadores, vinotecas, tendas especializadas…), que tiveron a ocasión de degustar ata 90 marcas de viños, pertencentes a un total de 24 adegas, amparados por este selo de orixe e calidade. Durante esta cita puideron catar viños de colleitas comprendidas entre 2008 e 2016, ademais de elaboracións especiais como escumosos e tintos con D.O. Rías Baixas.

Neste Salón do Viño, o público asistente puido profundar nas características dos viños de Rías Baixas e coñecer de primeira man o traballo que desenvolve esta denominación de orixe. Para iso, ata Xixón desprazáronse o presidente, o director xeral e a directora de márketing do Consello Regulador, Juan Gil, Ramón Huidobro e Eva Mínguez, respectivamente. Desenvolveron un xantar de traballo cos medios locais, ademais de participar no salón xunto cunha importante representación de adegas inscritas.

A xornada en Xixón completouse cunha cata de cinco viños na que participaron membros da Asociación de Catadores de Asturias. A sesión estivo dirixida por Fernando Vilariño, técnico do Consello Regulador, quen explicou aos asistentes as singularidades do territorio de Rías Baixas e dos seus viños.

Mercado Xixón

Esta é a terceira vez que a Denominación de Orixe visita Xixón (a última foi en 2012). O mercado asturiano resulta estratéxico para esta denominación, así que se alternan as súas citas cos profesionais tamén con Oviedo, onde se desenvolveu unha actividade en 2014.

Segundo datos da Consultora Nielsen de setembro de 2016, Xixón está incluída na área 5 ou Área Noroeste, que integra Galicia, Asturias e León. Os viños de Rías Baixas representan o 31,8 % deste mercado, no que medraron un 0,2 %. Estes datos converten a Rías Baixas na denominación de orixe que máis se consome nesta área. Ademais, os viños de Rías Baixas representan un 25,6 % na canle de alimentación; mentres que no de hostalería un 35,7 % na área 5.

Ademais, Rías Baixas sitúase no 2,6% de cota de mercado, e mantén a oitava posición no ránking de vendas de viños con Denominación de Orixe no mercado nacional. No caso das vendas de viño branco con D.O. no conxunto de España, Rías Baixas ocupa a segunda posición cunha cota do 9,5%.