Noelia Bebelia faise co primeiro premio da XXXIII Cata Concurso Rías Baixas Albariño da Colleita 2020


1 de agosto de 2021. Os tres premiados da XXXIII Cata Concurso Rías Baixas Albariño da Colleita 2020 déronse a coñecer esta mañá no Salón Bazán do Parador do Albariño (Cambados). A Medalla de Ouro recaeu en Noelia Bebelia (Adega San Salvador de Soutomaior); a Medalla de Prata en Granbazán Verde (Agro de Bazán) e a Medalla de Bronce foi para Bouza do Rei (Bouza do Rei). Nesta edición da cata concurso, á que se presentaron 49 marcas, alzouse co máximo galardón, por primeira vez, unha adega da subzona de Soutomaior, que ademais foi a única marca representante desta área na cata concurso. O segundo e terceiro galardonados proceden da subzona do Salnés. Ademais, Noelia Bebelia facíase na anterior edición desta cata, XXXII, coa Medalla de Prata.
 

O presidente do CRDO Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, describiu o pódium: “foi para unha adega pequena da D.O. e, logo, para dúas adegas tradicionais. É unha ledicia que unha empresa pequena gañe. Así pasaba antigamente nesta cata”. Os 22 expertos durante a Cata Derradeira avaliaron os viños en función da tipicidade propia desta D.O.
 
Ao acto asistiron o presidente do CRDO Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, e o secretario do Capítulo Serenísimo do Albariño, Pedro Piñeiro. A apertura de plicas e o nomeamento dos viños vencedores estiveron supervisados pola notaria de Cambados, Mª Elena Loira –que actuou coma fedataria-, e polo secretario do Consello Regulador, Ramón Huidobro.

A entrega de premios ás adegas galardoadas terá lugar o martes 3 de agosto, ás 12:00 horas, no Parador do Albariño en Cambados (Salón Bazán).