O Consello Regulador certificará máis de 124.000 botellas de Rías Baixas Escumoso de Calidade para este Nadal


18 de decembro de 2019.- Máis de 124.000 botellas de Rías Baixas Escumoso de Calidade certificará o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas para este Nadal. Trátase dun produto que xa está consolidado dentro da gama de elaboracións existentes e permitidas polo Prego de Condicións. Como corrobora o director do Órgano de Control e Certificación do Consello, Agustín Lago, “na actual campaña contamos con 16 adegas que elaboran 24 marcas de Rías Baixas Escumoso de Calidade”.

Este produto conta con grande interese por parte do sector de Rías Baixas, así como do consumidor desde que este viño foi incluído no regulamento do Consello Regulador en 2009, de acordo coa normativa europea, que distingue entre Escumoso e Escumoso de Calidade. “Tanto é así que o número de adegas non para de medrar, ano tras ano, desde as cinco iniciais ata as 24 que están elaborando hoxe”, engade Agustín Lago.

En canto aos datos de calificación, prevese superar os 93.546 litros deste produto de calidade”. Cómpre ter en conta que finais de novembro e decembro son os meses nos que se intensifica a calificación deste produto por parte do Órgano de Control e Certificación.

Método champenoise
A normativa aplicada aos Rías Baixas Escumoso de Calidade admite variedades tanto brancas como tintas e distínguense distintos tipos segundo o nivel de azucre. Estes son Brut Nature (sen azucre), Extra Brut, Extra Seco, Seco, Semiseco e Dulce (que leva maior cantidade de azucre).

Todos os Rías Baixas Escumoso de Calidade deberán seguir o método tradicional do champenoise para a súa elaboración.