O Consello Regulador dará a coñecer este domingo os 3 viños vencedores da XXXIII Cata Concurso Rías Baixas Albariño 2020


30 de xullo de 2021.- O Salón Bazán do Parador do Albariño (Cambados) acollerá este domingo 1 de agosto o nomeamento dos 3 viños gañadores da XXXIII Cata Concurso Rías Baixas Albariño 2020. O acto terá lugar ás 12.00 horas, tras a correspondente apertura de plicas do certame.

A cita contará coa presenza do presidente do CRDO Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, que estará acompañado pola alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, e polo secretario do Capítulo Serenísimo do Albariño, Pedro Piñeiro. A apertura de plicas e o nomeamento dos viños vencedores estarán supervisados pola notaria de Cambados, Mª Elena Loira –que actuará como fedataria-, e polo secretario do Consello Regulador e da propia Cata Concurso, Ramón Huidobro.

Á XXXIII Cata Concurso Rías Baixas Albariño presentáronse un total de 49 viños, tres mostras máis ca na edición anterior. Estes foron valorados por un xurado integrado por 22 expertos, composto por 10 integrantes do panel interno de cata do Consello Regulador e outro externo, disposto para a ocasión.

O Panel de Cata coincidiu en destacar que 2020 é unha colleita Moi Boa, respaldando a decisión do Consello Regulador de conceder a devandita cualificación á Colleita 2020. Así, Ana Marcos, xornalista vinícola e gastronómica, destacou que os viños “teñen un nivel de excelencia e son moi equilibrados. Nótase diferencia entre os 13 que pasaron á Cata Derradeira e os da Cata Prima”. Pola súa parte, Juan Antonio Rementería, mellor sumiller de España 2018 e xestor do restaurante Remenetxe de Muxica (Biscaia), sinalou que “desfrutei moito coa Cata Derradeira porque se ve perfectamente que son viños atlánticos e que teñen todas as características propias da Denominación de Orixe Rías Baixas”. Finalmente, Andrea Alonso, sumiller profesional vencellada durante años a Makro e actualmente en METRO Group, valorou moi positivamente “que haxa distintos perfís de viños e tamén diferentes estilos dentro da DO. Din unha maior puntuación aos máis auténticos e con maior tipicidade. Algún deles incluso era extraordinario”.