Volver

01 de Agosto

O Consello Regulador inaugura o seu IX Túnel do Viño en Cambados con 161 marcas pertencentes a 60 adegas

1 de agosto de 2019.- O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas inaugurou esta mañá o seu noveno Túnel do Viño no Salón José Peña de Cambados, que se desenvolverá ata o domingo 4 de agosto. A apertura oficial deste espazo no que se poden degustar ata 161 marcas pertencentes a 60 adegas contou coa presenza do presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo, e do secretario xeral, Ramón Huidobro, que estiveron acompañados polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, e o delegado territorial en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, entre outros.

Na súa intervención, Gil de Araujo destacou que esta é “unha das actividades máis importantes da Festa do Viño Albariño D.O. Rías Baixas de Cambados” e que “cada ano conta con maior número de asistentes”. O presidente explicou que “desde o Consello Regulador poñemos á disposición dos amantes do viño unhas 160 marcas de distintas tipoloxías: viños da colleita 2018 e anteriores, elaboracións especiais, tintos, escumosos… En definitiva, toda persoa que queira analizar o que se está facendo nesta Denominación de Orixe ten no Salón José Peña de Cambados o lugar perfecto”, concluíu.

Pola súa parte, Alfonso Rueda valorou moi positivamente “unha actividade na que se ve o potencial destes viños e, por extensión, de Galicia”. Neste sentido, o vicepresidente da Xunta puxo de manifeesto a importancia de Rías Baixas como “a primeira Denominación de Orixe galega que entendeu que había que internacionalizar os produtos e buscar na calidade a esencia do crecemento do sector”. Un aspecto no que “esta D.O. segue a ser pioneira e é unha das marcas que tamén identifica Galicia como un destino atractivo para visitar”, manifestou Rueda.

A alcaldesa de Cambados animou a veciños e visitantes a achegarse ao Salón José Peña para “vivir unha experiencia moi aconsellable. Contamos cun espazo íntimo no que poder catar unha ampla variedade de viños, algo que sen dúbida paga a pena”, afirmou.

O IX Túnel do Viño estará aberto desde hoxe e ata o domingo 4 de agosto. Por un prezo de 15 euros, quen o visite poderá degustar 161 marcas pertencentes a 60 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas. O horario de apertura das instalacións é de 12:00 a 14:30 horas e de 19:00 a 21:00 horas hoxe e mañá, mentres que o sábado e o domingo abrirán de 12:00 a 14:30 horas.

XXXI Cata Concurso Rías Baixas Albariño

Paralelamente a esta actividade, o Parador de Cambados acolleu esta mañá a primeira fase da Cata Concurso Rías Baixas Albariño. O panel de cata –composto por 22 expertos tanto do panel interno do Consello Regulador como por un externo, disposto para a ocasión- valorou as 59 marcas presentadas a este certame. Como en anteriores ocasións, as distintas referencias foron puntuadas de acordo coa normativa establecida pola Organización Internacional do Viño (OIV).

Desta denominada Cata Prima foron escollidas 13 marcas que serán avaliadas na Cata Derradeira. Esta fase final desenvolverase mañá venres 2 de agosto a partir das 11:00 horas. Dela sairán os tres viños que serán nomeados os mellores Rías Baixas Albariño da Colleita 2018. Os premios entregaranse o domingo 4 de agosto durante o tradicional xantar do Capítulo Serenísimo que se desenvolverá no Pazo do Torrado.