O Consello Regulador presenta unha ambiciosa campaña de comunicación para os viños de Rías Baixas en Estados Unidos os próximos dous anos


Corenta e oito adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas atópanse dentro do Plan de Estados Unidos. Por iso, tres responsables da empresa norteamericana Gregory White desprazáronse estes días á denominación para dar a coñecer aos profesionais de adegas o resultado do plan de comunicación de 2016-2017 e avanzar as propostas de actividade para o 2018-1019. Estados Unidos é o principal mercado de exportación dos viños de Rías Baixas con 2.468.535,50 litros en 2016. A razón é clara, segundo explicou Natasja Mallory, "esencialmente pola súa calidade", que describiu ás adegas que "Estados Unidos non é un mercado, son cincuenta mercados e hai moitas oportunidades". A estratexia dixital preséntase como o futuro da comunicación: "a forma de relación coas empresas cada vez é máis persoal", asegura Pablo Agüero, para quen "o portal web de Rías Baixas en Estados Unidos busca achegar ao consumidor a botella". Para iso, este ano traballouse nunha completa base de datos na que se informa ao consumidor estadounidense en que establecementos dos diferentes estados pode atopar os viños de Rías Baixas. Nese sentido, Rías Baixas continuará colaborando con diversas plataformas dixitais. Como novidade para o próximo ano, Rías Baixas Wine presentará as Voces do Albariño Rías Baixas con influentes prescriptores do mundo do viño en Estados Unidos, por exemplo o chef José Andrés. Estas personalidades explicarán por que aprecian tanto estes viños atlánticos e por que os recomendan, Tamén se organizarán unhas masterclass con sumilleres, un amplo programa de formación de vídeo e enviaranse contidos interactivos a puntos de venda. E é que unha das prioridades da campaña, na que se poñerá especial atención, é promocionar e incrementar as vendas das adegas que participan nela. A páxina web seguirá sendo unha ferramenta dinámica, que xa supera as 200.000 visitas e responde a máis de 100 preguntas sobre os viños Rías Baixas. A campaña traballa ademais en organizar unha misión inversa de xornalistas e prescriptores para febreiro de 2018, así como outra cos aspirantes de Masterchef para 2019. O público obxectivo continúa sendo a xeración Millenial e a GenX (entre 25 e 44 anos). O slogan "O viño branco por esencia" irá un paso máis aló e incorporará a partir do próximo ano "Atopa o camiño a Rías Baixas". Tamén se estará presente no "Aspen Food & Wine Magazine", "Sommcon San Diego Wine & Food", entre outros.