O Rías Baixas Espumoso de calidade mantén a súa tendencia positiva para estas Navidades con preto de 124.000 botellas


123.724 botellas de Rías Baixas Espumoso de Calidade certificou ata o de agora o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas para este Nadal. Trátase dun produto xa consolidado dentro da gama de elaboracións existentes e permitidas polo Prego de Condicións, tanto é así que as 16 adegas elaboradores apostaron pola diversidade e pasaron de 24 marcas de Rías Baixas Espumoso de Calidade en 2019 ás 31actuais.

Este produto segue mantendo gran interese por parte do sector de Rías Baixas, así como do consumidor desde que este viño foi incluído no regulamento do Consello Regulador en 2009, de acordo coa normativa europea, que distingue entre Espumoso e Espumoso de Calidade. “Aínda que o  número de adegas con respecto ao ano pasado mantense é certo que o número de marcas creceu, o que mostra a procura de diversidade no portfolio das adegas por ofrecer produtos diferentes e innovar”, engade Agustín Lago.

 

En canto aos datos de cualificación, prevense superar os “92.793 litros deste produto de calidade cualificados a data de hoxe, aínda que o Consello podería certificar algúns litros máis deste produto antes de final de ano”. Como vén sendo habitual con o  Rías Baixas Espumoso de Calidade finais de novembro e decembro son meses nos que se intensifica a cualificación deste produto por parte do Órgano de Control e Certificación.

 

Método champenoise

A normativa aplicada aos Rías Baixas Espumoso de Calidade admite variedades tanto brancas como tintas e distínguense distintos tipos segundo o nivel de azucre. Estes son Brut Nature (sen azucre), Extra Brut, Extra Seco, Seco, Semiseco e Doce (que leva maior cantidade de azucre).

Todos as Rías Baixas Espumoso de Calidade deberán seguir o método tradicional do champenoise para a súa elaboración.