Os viños de Rías Baixas incrementan a súa cota no mercado nacional segundo Nielsen


 17 de decembro de 2019.- O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas presentou esta mañá os datos do “Informe anual do mercado de viños con D.O. Rías Baixas. Mercado español: canles de Alimentación e Hostalería”, elaborado por The Nielsen Company para a Fundación Juana de Vega coa colaboración da Xunta de Galicia. Ao acto asistiron uns 25 profesionais de adegas.

Ricardo Alcón, director comercial de Nielsen, encargouse de presentar o estudo e explicou que “a venda do viño con denominación de orixe reduce lixeiramente o máximo de vendas alcanzado o pasado ano no conxunto das canles de alimentación e hostalería”. En canto a valor, Alcón destacou que “dada a importancia que a canle da hostalería ten para os viños de maior valor, onde os viños de Rías Baixas teñen o seu posicionamiento, a tendencia en hostelería continúa tendo unha enorme importancia”. 

Os viños da D.O. Rías Baixas incrementan a súa cota de mercado en volume ao 3,1% con respecto ao ano anterior, unha cifra que lle permite ocupar a oitava posición no Ranking de Denominacións de Orixe en volume do mercado nacional. Este estudo tamén amosa un crecemento da cota de mercado en valor que alcanza o 4,5%, posicionando a Rías Baixas no cuarto lugar na evolución anual de Denominacións de Orixe en valor dentro do mercado nacional. Na canle de alimentación, estes viños aumentan a súa cota ata o 2,3% de participación en volume. Destaca especialmente a súa mellora de participación en hipermercados e supermercados grandes e medianos. En hostalería manteñen o seu bo posicionamento incrementando a súa cota ata o 3,8%. Esta mellora de penetración nesta canle prodúcese principalmente en hoteis e restaurantes.

En canto ás zonas xeográficas, Rías Baixas mellora a súa cota de mercado na Área 5 do estudo, que inclúe Galicia, Asturias e León, pasando dun 10,1% a un 10,5%. De acordo con Nielsen máis do 50% do viño con Denominación de Orixe Rias Baixas consúmese nesas zonas. Esta tendencia de crecemento tamén se percibe en territorios importantes como as áreas metropolitanas de Madrid (2,5%) e Barcelona (2,6%), e tamén na Área 2 (2,9%) que inclúe o Levante, Comunidad Valenciana, Murcia e Albacete. O informe Nielsen amosa a necesidade de reforzar a presenza dos viños de Rías Baixas na Área 3 ou Sur do país.

En termos xerais, o mercado do viño con D.O. rexistra un descenso do 1,9%, mentres que o vino branco con Denominación de Orixe continúa o seu ascenso co 1,2% máis, sendo o único que medra. Os vinos de Rías Baixas seguen posicionados como segunda denominación no ranking de vendas de viño con D.O. branco en España, cun 10,6%, por detrás de Rueda. En canto á evolución do prezo medio de venda do viño branco con D.O. en España, estes viños manteñen a súa hexemonía en ambas as dúas canles, alimentación e hostalería.