Os viños de Rías Baixas manteñen unha importante presenza no mercado, segundo Nielsen


11 de outubro de 2018.- O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas presentou esta mañá os resultados do “Informe anual do mercado de viños con D.O. Rías Baixas. Mercado español: canles de Alimentación e Hostelería”, elaborado por The Nielsen Company. Un acto que contou coa presenza do presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo, que destacou que “mantivemos a nosa presenza no mercado nacional e melloramos no valor do noso produto. Esa é a liña por onde creo que debemos seguir”.

Juan Gil de Araujo explicou que “o noso crecemento en volume non pode ser indefinido e, a partir de aí, temos que medrar en valor, que é o que vai procurar a riqueza para o noso territorio”. O presidente da D.O. Rías Baixas foi o encargado de darlle paso a Ricardo Alcón, comercial manager de Nielsen, que presentou o estudo e explicou que “o comportamento do mercado das grandes denominacións de orixe neste momento atópase estancado en volume". En canto a valor, Alcón destacou que “continúa a revalorización, incluso máis acusada en 2018, cun incremento da facturación superior ao 7%”. 

Como constata o informe, os viños da D.O. Rías Baixas manteñen a súa cota de mercado en 2,9 puntos, afianzándose na sétima posición dentro do Ranking de Denominacións de Orixe no mercado nacional. Se nos centramos nas canles: en hostelería Rías Baixas ocupa o quinto lugar do ranking cun 3,5% de cota de mercado; mentres que en alimentación mantén a súa cota en 2,2%, acadando o décimo lugar.

O mercado do viño con D.O. suma novamente un lixeiro aumento dun 0,8%, sendo o único segmento que medra fronte á redución de volume dos vinos sen Indicación Xeográfica. Dentro deste contexto o Viño Branco mantén o seu dinamismo, xunto aos Viños Rosados. O crecemento prodúcese nas dúas canles, Alimentación e Hostelería. Precisamente no apartado de Brancos con D.O., os viños de Rías Baixas manteñen a segunda posición, cunha cota de 10,5 puntos, un segmento no que continúa o liderado dos brancos de Rueda.

Un aspecto que destaca este informe Nielsen é a revalorización de prezos no apartado de Viño con D.O., onde Rías Baixas amosa un incremento moderado de prezos medios, tanto en Alimentación como en Hostelería. Esta tendencia permítelle continuar cun diferencial de prezos importante respecto ao resto de Denominacións de Orixe con peso no mercado de brancos.

Na canle da Alimentación, Rías Baixas medra notablemente en volume cun lixeiro incremento de prezos medios de venda; mentres que en Hostelería diminúe lixeiramente o volume cun moderado aumento do prezo. Por tipos de establecemento, destaca o peso dos viños de Rías Baixas en Hoteis/Restaurantes, así como en Bares e Cafeterías; pero este último ano chama a atención o crecemento destes viños atlánticos con D.O. en Supermercados Grandes.

No que a áreas xeográficas se refire, os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas manteñen signos positivos na práctica totalidade de áreas, con especial fincapé nas Áreas 4 e a Metropolitana de Madrid, onde estes viños ascenden unha posición. Además, cabe destacar que en todas as áreas de Nielsen os viños desta Denominación de Orixe atópanse entre as cinco primeiras denominacións máis vendidas.

Nas súas conclusións, Nielsen aconsella aumentar e reforzar a presenza dos viños de Rías Baixas naquelas zonas onde está menos implantado o seu consumo, como poden ser as áreas Sur e Noreste. Para iso, este Consello Regulador debe continuar desenvolvendo a súa imaxe e marca, así como manter a expansión do seu coñecementoe e notoriedade en aras de asegurar o desenvolvemento e a diversificación futuros, pois o consumidor tende a probar viños para ampliar o seu abano destes produtos.