Volver

18 de Abril

Os viños de Rías Baixas participan na Feira Alimentaria Barcelona 2018

17 de abril de 2018.- O Consello Regulador da D.O. Rías Baixas está presente estes días na nova edición da Feira Alimentaria 2018 que se prolongará ata este xoves, 19 de abril, na Fira de Barcelona. Como novidade, esta Denominación de Orixe prantexou un túnel de 94 marcas para que o prescriptor poida probar libremente os diferentes tipos de viños que participan nesta cita. Ademais, 20 adegas de Rías Baixas acoden como coexpositoras dentro do expositor.

A esta feira desprazáronse o presidente do Consello, o seu secretario xeral e a súa directora de marketing, Juan Gil, Ramón Huidobro e Eva Mínguez, respectivamente. A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, visitaron o túnel do viño onde se expón un amplo abano de marcas de viño pertencentes a todas as denominacións de orixe galegas, además de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Por sétimo ano consecutivo, a Denominación de Orixe promociónase nesta cita internacional nun espazo situado dentro do pavillón de Intervin (pavillón 3 en Gran Vía Fira de Barcelona) na área expositiva de Galicia.

Para o sector de Rías Baixas Alimentaria é unha cita imprescindible. De feito, Rías Baixas é a D.O. galega con máis presenza no recinto da Fira Barcelona-Gran Vía. A responsable de Marketing, Eva Mínguez, amosouse moi satisfeita pola “gran afluencia de público que estamos tendo ao túnel do viño”. En canto ao perfil de visitantes, destacan os profesionais vinculados tanto ao sector da restauración como da distribución. “Moitos deles interésanse por coñecer máis detalles sobre os nosos viños, dos que valoran moi positivamente a súa alta calidade”, conclúe.

A vixésimo primeira edición de Alimentaria, feira bienal, mantén a súa aposta pola internacionalidade, innovación e gastronomía. O seu salón Intervin mantén os seus 15.000 m2 no que expoñen 772 empresas.