Os viños de Rías Baixas participan na Wine & Spirits Fair de Hong Kong cun stand propio


Os viños de Rías Baixas están presentes, un ano máis, na feira International Wine & Spirits Fair 2017, que transcorre do 9 ao 11 de novembro. Nesta cita en Hong Kong participan 26 adegas con 48 marcas. Ademais, dúas marcas desta denominación foron seleccionadas por expertos da escola AWSEC para protagonizar dous seminarios dirixidos por estes profesionais. Ata China desprazáronse Ramón Huidobro, secretario xeral do Consello Regulador, e Rosa Martínez, do Departamento de Márketing, para mostrar ao numeroso público asistente as bondades dos viños de Rías Baixas que nesta ocasión contan cunha ampla representación. Os importadores de diferentes países asiáticos (China, Xapón ou Tailandia, entre outros) que acoden a esta cita anual amosaron grande interese por aspectos como o territorio e as súas singularidades. Rosa Martínez explica que "para o Consello Regulador é moi importante o contacto cun mercado con potencial como é o asiático". Para iso, Rías Baixas aposta "por unha feira de referencia, enfocada preferentemente ao sector profesional, no que observamos un interese e unha demanda crecentes polos viños brancos". O mercado asiático, e concretamente China e Xapón, é un dos obxectivos para alcanzar para os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. As exportacións a estes dous destinos experimentaron unha importante evolución nos últimos anos. No caso de China, os viños de Rías Baixas venderon 29.371,75 litros no exercicio de 2016, o que supuxo un incremento do 5,18% con respecto ao ano anterior.