Os viños de Rías Baixas participan por primeira vez na Feira Antad & Alimentaria México 2019 en Guadalajara


Como parte da súa aposta polos mercados exteriores, este Consello Regulador participa por primeira vez na cuarta edición Feria Antad & Alimentaria México 2019. Esta cita ten lugar no recinto feiral de Guadalajara (México) entre o 5 e o 7 de marzo. México é un dos mercados máis relevantes para esta Denominación de Orixe, situado en sexta posición dos principais destinos exteriores, e que ademais conta cun plan de exportación propio.

Esta acción promocional, cofinanciada polo IGAPE, a Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (programa operativo 2014-2020), permitiu a habilitación dun stand propio dentro do pavillón do ICEX. Nel amósanse un total de 31 marcas pertencentes a dezasete adegas.

Ata Guadalajara desprazáronse Ramón Huidobro, secretario do Consello Regulador, e Rosa Martínez, do Departamento de Marketing. “Todas as feiras son unha oportunidade para a promoción dos viños de Rías Baixas, sobre todo nun mercado no que están consolidados e son coñecidos polo consumidor”, explica Martínez. Neste sentido, engade que “ademais non podemos obviar que son uns viños que acompañan moi ben a gastronomía mexicana”.

Entre os perfís aos que se dirixe esta feira están “profesionais como importadores, distribuidores, supermercados, tendas especializadas, pero tamén restaurantes, cadenas hosteleiras, provedores de cruceiros… A verdade é que aúna un grande abano de prescriptores”. Os viños de Rías Baixas acapararon a atención destes profesionais coas súas diferentes elaboracións, maioritariamente de 2017, pero tamén algún 2018, e espertaron a curiosidade dos profesionais elaboracións de 2010, 2015 e algún 2016, entre outras.

Un mercado en alza
O mercaco mexicano atópase entre os mercados prioritarios desta denominación de orixe. De feito é un dos países asentados no top-ten das exportacións destes viños. As vendas a México en 2018 superaron os 251.000 litros, acadando un valor de 1.546.621 euros.

Durante a última década este mercado incrementouse un 201,21%, pasando dos 83.442 litros aos máis de 251.000 litros actuais, máis do triplo que en 2008.

Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
Esta empresa participa nun proxecto de internacionalización, operación cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, programa operativo Feder Galicia 2014-2020. 

Como apoio ao proceso de internacionalización, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas ten axuda concedida pola Xunta de Galicia a través do Igape, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo "Feder de Galicia 2014-2020, OT3 Conseguir un tecido empresarial máis competitivo. Unha maneira de facer Europa".

O obxectivo principal destas axudas é incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización das pemes galegas. O resultado que se pretende é aumentar a base de empresas exportadoras e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.