Volver

10 de Xullo

Os vinos de Rías Baixas protagonizan unha xornada promocional en Kanazawa

10 de xullo de 2019.- Na súa firme aposta por seguir ampliando mercados, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas organizou esta semana unha xornada promocional en Kanazawa. O secretario xeral, Ramón Huidobro, trasladouse ata esta cidade para participar nas distintas actividades propostas.

Máis de 200 prescriptores xaponeses tiveron a oportunidade de coñecer as características diferenciadoras destes viños atlánticos a través de 37 marcas pertencentes a 24 adegas inscritas. En xeral, todos os asistentes amosáronse moi satisfeitos por ter a oportunidade de degustar tantos viños de Rías Baixas nunha mesma xornada.

As actividades comezaron no Hotel ANA Intercontinental, que acolleu un encontro con profesionais do sector de alimentación e bebidas ao que asistiron 150 persoas. Nesta actividade, os prescriptores puideron degustar directamente máis de trinta referencias da D.O. Rías Baixas a través dos distintos expositores habilitados.

A continuación, Ramón Huidobro impartiu un seminario formativo sobre a D.O. Rías Baixas. Medio centenar de profesionais acudiron a esta sesión, que combinou aspectos sobre o territorio, o clima e a produción, cunha cata de cinco marcas de viño. A través delas, o secretario xeral do Consello Regulador achegou unhas nocións básicas sobre eses matices que os fan únicos.

Xa pola noite, e para mostrar a perfecta harmonía entre os viños de Rías Baixas e a gastronomía xaponesa, ofreceuse unha cea-maridaxe no restaurante Zeniya. Na cita participaron unha ducia de profesionais. A través dos distintos pratos presentados, puídose comprobar como as elaboracións desta Denominación de Orixe convírtense no acompañante perfecto para os pratos típicos do país nipón.

Un mercado en auxe

A xornada ofrecida esta semana en Kanazawa forma parte do plan promocional que o Consello Regulador desenvolve en Xapón. Trátase dun mercado en auxe, xa que o interese dos consumidores nipóns polos viños da D.O. Rías Baixas aumentou progresivamente nos últimos anos. O pasado exercicio 2018 exportáronse 84.569 litros de viño a este país, por un valor de 514.378,78 euros.