Volver

28 de Decembro

Os viños de Rías Baixas suman máis de 290 premios e eloxios en concursos nacionais e internacionais en 2018

28 de decembro de 2018.- Os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas superan os 290 galardóns coa súa participación en concursos enolóxicos nacionais e internacionais. Suman en concreto 266 premios e 25 eloxios en 29 das citas establecidas no calendario oficial da Organización Internacional da Viña e o Viño (OIV) ás que concorreron desde xaneiro adegas adscritas á denominación.

Do conxunto de galardóns, nove son da categoría de gran ouro, 65 da de ouro, 110 de prata e 82 de bronce. Os viños de Rías Baixas destacados corresponden na súa maioría á colleita de 2017, con 190. Un feito que corrobora a calificación desa colleita como ‘Moi Boa’. O resto de premios repartíronse entre as colleitas 2016 con 65 galardóns, a 2015 con 20, a 2014 con catro, a 2013 con un, a 2012 con seis, a 2011 con un e a 2009 con catro.

Entre os mellores viños brancos do mundo

Así pois, os premios dos máis prestixiosos concursos internacionais certifican o posicionamiento dos viños de Rías Baixas entre os mellores viños brancos do mundo. Por citar algún, nos Bacchus 2018 obtivéronse oito bacchus de ouro e dezaseis de prata. O seu irmán pequeno, os Baco Colleita 2017, certame bienal, outorgou tres gran baco de ouro, quince bacos de ouro e oito de prata. Xa no ámbito internacional sinalar os tres gran ouro, catro ouros, 22 pratas, 51 bronces e catro eloxios nos Decanter, ou tamén un gran ouro, un ouro, dezasete pratas, 24 bronces e dezanove eloxios procedentes do International Wine Challenge.

Outros certames internacionais nos que os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas recibiron numerosos galardóns son o Challenge International du Vin, con 24 premios (outo ouros e dezaseis pratas), tamén o Mundus Vini 2018 con dezaoito galardóns (seis ouros e doce pratas) e o Concours International du Vin (un gran ouro, sete ouros e nove pratas). A presenza destes viños por todo o mundo constátase coa súa participación en concursos en Corea, Xapón ou Sidney, entre outros.