Os viños Rías Baixas colleitan 20 galardóns en prestixiosos concursos internacionais


1 de abril de 2020.- Os viños de Rías Baixas recibiron 20 premios nos concursos Mundus Vini e no Vinalies International, celebrados o pasado mes de febreiro en Alemaña e Francia, respectivamente. Estes galardóns repartíronse en 13 Medallas de Ouro e 8 de Prata, pertencentes ás colleitas 2019, 2018 e 2017.

Das 20 marcas premiadas, 12 adegas recibiron Medalla de Ouro no Mundus Vini (seis foron para a colleita 2019, 5 para a 2018 e un para a 2017), ás que hai que sumarlle as cinco Medallas de Prata para viños da colleita 2019. En canto ao Vinalies International, a Medalla de Ouro foi para un Rías Baixas de 2015, mentres que as tres Medallas de Prata recaeron en dúas marcas de 2019 e unha de 2018.

O Vinalies International celébrase anualmente en Francia, este ano transcorreu do 28 de febreiro ao 3 de marzo. Organizado pola Unión de Enólogos de Francia, un xurado experto en análise sensorial, cuxa presidencia recae nun enólogo francés, realizou durante cinco días catas matutinas ás cegas para avaliar viños procedentes de todo o mundo.

Pola súa banda, o 26 Gran Premio Internacional do Viño Mundus Vini, que tivo lugar en Alemaña do 18 ao 23 de febreiro, homenaxeou os mellores viños na degustación de primavera de 2020. O xurado valorou case 7.500 marcas de viños de todo o mundo. Para iso contou con 268 expertos en viños de 54 países que durante seis días cataron as diferentes mostras.