Recta final da vendima na Denominación de Orixe Rías Baixas con 29 millóns de quilos recollidos


27 de setembro de 2018.- A Denominación de Orixe Rías Baixas afronta a recta final da presente campaña de vendima. Ata a data recolléronse 29 millóns de quilos de uva nas 183 adegas inscritas.

En palabras do director técnico do Consello Regulador, Agustín Lago, “a uva presenta un bo estado fitosanitario, cun axeitado equilibrio entre acidez e grao. A vendima se está realizando de forma gradual e ordenada e, en principio, estanse cumprindo as previsións do Informe de Estimación de Colleita 2018, sempre á espera das condicións meteorolóxicas dos próximos días”, engade.

Neste sentido, Lago indica que “a maior incertidume atópase no volume final, xa que esta época foi moi seca. A chuvia tería vido moi ben para gañar volume e incluso para favorecer a maduración final da uva”, concreta o director técnico do Consello Regulador.

En canto á propia campaña, Agustín Lago explica que “comezou o 8 de setembro, algo antes do previsto, dadas as altas temperaturas rexistradas a principios deste mes”. A recollida iniciouse, como vén sendo habitual, nas subzonas do Rosal e Condado do Tea. A maiores vendimáronse uvas temperás para a elaboración de escumosos en Ribeira do Ulla. Esta semana xeralizouse en todo o territorio da Denominación de Orixe. As primeiras variedades en ser recollidas foron as brancas e a finais desta campaña darase paso ás tintas.

Apoio de 25 auditores

O Consello Regulador conta para esta campaña co apoio de 25 auditores, que se responsabilizan do seguimento da vendima nas adegas, os viñedos e os transportes. O seu traballo consiste en velar polo axeitado cumprimento dos estándares marcados pola Norma ISO/IEC 17065 na que o Consello Regulador está certificado polo ENAC. Dita normativa implica, entre outros aspectos, a certificación da orixe da uva e a trazabilidade do produto.

Na actual campaña de vendima están implicadas 183 adegas, 5.293 viticultores, así como 4.045 hectáreas repartidas entre 21.607 parcelas.