Rías Baixas obtén 28 galardóns no concurso Bacchus 2017 e convértese novamente na Denominación de Orixe galega más premiada.


Unha trintena de marcas protagonizaron a cea de gala na que estiveron presentes os membros do xurado e o presidente do Consello Regulador

16 de marzo de 2017.- A Denominación de Orixe Rías Baixas mantén os seus resultados na décimo quinta edición do Concurso Internacional de Viños Bacchus 2017 con 28 viños galardoados. Das 68 marcas, pertencentes a 43 adegas, presentadas a este destacado certame vinícola, un total de 28 viños de 25 adegas foron galardoados con 2 gran Bacchus de ouro, 9 de ouro e 17 de prata. Rías Baixas mantense así nesta edición como a denominación de orixe galega con máis medallas. 

O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, asistiu á Cea de Gala Bacchus, celebrada o pasado domingo no restaurante Europa Decó do Hotel Urban de Madrid, e que estivo protagonizada por unha trintena marcas de Rías Baixas. Juan Gil fixo referencia á importante traxectoria do Concurso Internacional de Viños Bacchus a través dos niveis de participación de referencias amparadas por esta denominación: “No último lustro, etapa en que o certame pasou a ter carácter anual, valoráronse máis de 280 viños de Rías Baixas. Deles, un total de 115 obtiveron galardóns”. . 

Á cea acudiron os membros do xurado, entre os que se atopaban varios Master of Wine, Master of Sommelier, así como responsables de compra de importantes cadeas, catadoras e xornalistas especializados. Juan Gil de Araujo aproveitou a ocasión para resaltar o importante labor do Consello Regulador nos dous aspectos fundamentais da súa actividade: a garantía de orixe e calidade e a promoción, achegando así un importante valor engadido ao produto e un beneficio para todo o sector.

O Concurso Internacional de Viños Bacchus está considerado como o maior certame vitivinícola do país. A esta décimo quinta edición presentáronse un total de 1.751 viños procedentes de 21 países. Concretamente, un total de 80 indicacións xeográficas de calidade da España vinícola, con 61 Denominacións de Orixe incluídas, participaron participaron en esta edición.nesta edición. Os cinco continentes estiveron representados coas mostras participantes de países como Alemaña, Arxentina, Australia, Brasil, Chile, Eslovaquia, Estados Unidos, Francia, Xeorxia, Hungría, Italia, México, Perú, Portugal, Principado de Andorra, República Checa, Romanía, Tunes, Turquía, e Uruguai,
 
As mostras foron avaliadas por un xurado composto por 85 catadores que se deron cita entre os pasados días 10 e 13 de marzo no Casino de Madrid. Un xurado de primeiro nivel mundial liderados por catorce Masters of Wine (John Salvi, Annette Scarfe, Xenia Irwin, Vitoria Burt, Sarah Jane Evans, Pedro Ballesteros, Matthew Forster, Emma Symington, Lenka Sedlackova, Sam Harrop, Madeleine Stenwreth, Ulf Sjodin, Taina Vilkuna e Emma Dawson) aos que acompañaron referentes da sumillería mundial como Terry Kandylis, Guillermo Cruz e Julie Dupouy, responsables de compras dalgunhas dos máis importantes importadores e cadeas de distribución internacional (as británicas Conviviality e Booths, a holandesa Ahold ou os monopolios suecos e finlandés), así como xornalistas especializados e representantes das principais institucións vitivinícolas a nivel mundial.  

Promovido pola Unión Española de Catadores (UEC), este importante certame internacional está auspiciado pola Organización Internacional da Viña e o Viño (OIV), ademais de contar co aval da Unión Internacional de Enólogos (UIOE), da Federación Mundial de Grandes Concursos de Viños e Espirituosos (VINOFED) e contar co recoñecemento oficial do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (MAGRAMA).