Un total de 25 membros do sector dos viños e licores galegos completan con éxito o I Programa Superior en Dirección e Xestión de Empresas Vitivinícolas


O I Programa Superior en Dirección e Xestión de Empresas Vitivinícolas de Galicia Business School foi clausurado esta mañá no Hotel Balneario de Laias. O programa, impulsado pola Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e das II. GG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (Acruaga), contou co respaldo do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e foi completado con éxito por 25 persoas cuxa actividade profesional está ligada aos sectores do viño ou dos licores galegos.

Tal e como destacou no acto de clausura o presidente de Acruaga, Juan Gil de Araujo, esta acción formativa evidencia a aposta que o campo do viño, das augardentes e dos licores tradicionais galegos realiza pola formación tanto para xerentes e propietarios de adegas como para traballadores.

O programa ofertou 25 prazas que foron todas cubertas. Perseguía o obxectivo de favorecer a competitividade e a internacionalización das empresas vitivinícolas galegas, e tamén do sector da augardente e dos licores tradicionais.

Formación e promoción

Potenciar a formación nos seus sectores de actividade e promover a internacionalización de adegas e empresas produtoras e comercializadoras de destilados galegos son dous dos obxectivos estatutarios da recentemente creada  Acruaga.

O mes pasado, de feito, da man desta asociación que engloba aos consellos reguladores do viño, augardentes e licores tradicionais de Galicia, un total de 100 adegas e 10 empresas comercializadoras participaron na feira  Vinexpo, unha das máis importantes do sector vinícola de cantas realízanse en Europa.

Sobre  Acruaga

A Asociación de Consellos Reguladores do Viño, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (Acuraga) constitúese para dar cobertura a un convenio de colaboración subscrito entre os 5 CCRR vitivinícolas e os das Augardentes e Licores tradicionais de Galicia co IGAPE, co obxectivo de promocionar internacionalmente os viños e destilados amparados baixo os selos de calidade diferenciada de Galicia.

A entidade impulsa accións de formación e difusión dos produtos amparados polos seis organismos integrados na iniciativa: os consellos reguladores de Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, O Ribeiro e Valdeorras -no caso dos viños- e Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.