Uns 250 profesionais do sector participaron nas xornadas promocionais da D.O. Rías Baixas en Xapón


Tokio e Sendai acolleron catas comentadas, ceas maridaxe e reunións de traballo nas que se amosaron 26 marcas de 19 adegas.

20 de xullo de 2017.- Preto de 250 profesionais do sector participaron a semana pasada nas xornadas promocionais que a Denominación de Orixe Rías Baixas organizou en Xapón. O director xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro, desprazouse ao país nipón para asistir aos diversos actos nos que se mostraron ata 26 marcas pertencentes a 19 adegas.

As actividades comezaron en Tokyo, co desenvolvemento dun showroom ao que asistiron 135 profesionais do sector. Unha xornada que deu paso a un seminario e cata de tres marcas da D.O. Rías Baixas, dirixido por Ramón Huidobro, quen estivo acompañado de Kazuto Sakurai, propietario e catador do establecemento Os Viños. A esta cita asistiron máis de 45 prescriptores. Como colofón á primeira xornada promocional, oito marcas de Rías Baixas protagonizaron unha cea maridaxe no restaurante Alaska no que participaron unha trintena de profesionais do sector.

As seguintes actividades desenvolvéronse en Sendai, onde os viños de Rías Baixas protagonizaron unha cata con prescriptores do sector e unha reunión de traballo. Xa pola noite, 25 profesionais acudiron a unha cea maridaxe de oito viños no restaurante español Bikini TAPA +.

Xapón ocupa a oitava posición no ránking dos dez primeiros países aos que exporta a Denominación de Orixe Rías Baixas con 147.685,50 litros vendidos en 2016. Este país conta cun plan promocional específico que está a dar bos resultados.