A XIV Festa do Tinto Rías Baixas celebra a súa xornada grande este sábado 12 de outubro


11 de outubro de 2019.- O Concello das Neves prepárase para a celebración da xornada grande da súa XIV Festa do Tinto Rías Baixas. Tras unha intensa semana de propostas enogastronómicas -entre as que destacaron unha Ruta de Tapas, catas comentadas e sendeirismo entre viñedos- a localidade abrirá mañá, 12 de outubro, as portas da festa ás 10:30 horas.

Unha quincena de adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas participan nesta celebración. Nela ofrecerase ás persoas visitantes a posibilidade de degustar unha ampla variedade de Tintos Rías Baixas elaborados en diferentes subzonas.

O programa de actos previsto para mañá continuará ás 13:00 horas co pregón da actriz e presentadora de televisión Nieves Rodríguez. A esta actividade seguiralle o tradicional almorzo, que estará amenizado pola música de VuDú.

Xa ás 17:00 horas está programado o espectáculo de clown infantil MeRe-cidamente. Esta proposta combinarase cun espazo infantil permanente na contorna da carpa da festa a cargo de Cóxegas. A fin de festa contará coa actuación de Uxía e Banda. Rematará así unha intensa semana de posta en valor dos Tintos Rías Baixas.

Tinto Rías Baixas

Na actualidade un total de 43 adegas elaboran tintos Rías Baixas, que representan o 0,80% da produción da Denominación de Orixe. Na vendimia de 2018 a produción das variedades tintas ascendeu a 306.905 quilos de uva, na súa maioría recollida na subzona do Condado do Tea. As variedades maioritarias son a Sousón, a Brancellao e a Caíño Tinto.