Volver

18 de Marzo

MÁS DE SETENTA MARCAS PARTICIPAN NO SALÓN DO VIÑO DA DENOMINACIÓN DE ORIXE RÍAS BAIXAS EN MÁLAGA

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas protagoniza hoxe un Salón do Viño os salóns do Hotel NH Málaga. Un evento ao que está previsto que asistan numerosos prescritores da provincia (distribuidores, catadores, hostaleiros…), interesados pola evolución destes viños atlánticos. Unha cita na que participan 73 marcas, pertencentes a 16 adegas que mostrarán o traballo que actualmente se está realizando nesta denominación.

Os visitantes teñen a oportunidade de catar viños tanto de diferentes anadas, sendo as máis numerosas as de 2022 e 20223, como elaboracións especiais como espumosos, viños en madeira, sobre leas e tintos con D.O. Rías Baixas. O evento está a desenvolverse nos salóns Minotauro, Azul e Arlequín, tanto en horario de mañá, de 11:30 a 14:00 horas, como de tarde, de 17:00 a 21:00 horas.
Dada a importancia deste mercado para esta Denominación de Orixe, ata Málaga desprazáronse Ramón Huidobro, secretario xeral do Consello Regulador da Denominación de Orixe; Eva Mínguez, directora de marketing; e Rosa Martínez, técnica de marketing.

Un 9,1% da súa cota de mercado

As vendas de viños Rías Baixas na zona sur (que inclúen Andalucía e Cáceres), supoñen o 9,1% do total de mercado desta Denominación de Orixe, segundo datos do ano 2023 recolleitos no informe “O Mercado Español de Viños Galegos”, elaborado por Nielsen IQ. Analizadas por sectores, as vendas dos viños Rías Baixas en Andalucía na canle de alimentación alcanzan o 11,8% do seu mercado e supoñen o 7,8% na canle de hostalería. Unhas cifras que demostran a importancia da Denominación de Orixe Rías Baixas neste mercado, un dos máis estables de toda España nos últimos anos.