O papel da muller no sector vitivinícola experimentou un gran crecemento nos últimos anos, no só no ámbito da produción senón tamén a transformación. Actualmente, ambos suman 2.606 mulleres activas baixo o paraugas do sector da Denominación de Orixe Rías Baixas. Estas repártense do seguinte xeito: 2.222 mulleres viticultoras e 384 traballadoras en algún dos diferentes departamentos das 179 adegas adscritas á denominación.
Esta tendencia non pasou inadvertida para a D.O. Rías Baixas desde a súa constitución, que cada ano suma máis mulleres entre as súas filas en postos de dirección e nas distintas fases de produción e elaboración do viño, desde o cultivo da vide ata a súa comercialización.
Froito da evolución do sector, cada vez é máis habitual atopar explotacións agrícolas ou traballos de viñedo liderados e/ou supervisados por mulleres. Un ámbito no que este Consello Regulador pode presumir de paridade: dos 4.959 viticultores asociados a Rías Baixas, casi o 45% son mulleres.
Tamén as adegas reflicten os cambios en termos de igualdade laboral. A elaboración do viño require dunha gran sensibilidade e precisión; dúas cualidades das que poden presumir as mulleres. É por iso que a presencia feminina non só aumenta en postos de responsabilidade, con 65 mulleres en posicións de xefatura nas adegas amparadas pola D.O. Rías Baixas, senón tamén en áreas como a administración, con 63 empregadas; os labores de adega, con máis de 50 operarias de adega; o mantemento de viñedo, con arredor de 35 operarias; ou a enoloxía, unha área na que unha vintena de mulleres se adica á elaboración do tan prezado viño de Rías Baixas.
O papel da muller tamén ten especial relevancia en ámbitos como a comercialización ou a loxística, todos eles aspectos fundamentais para a presenza no mercado dos viños de Rías Baixas. Nos departamentos de comunicación e marketing a presenza feminina supera as 30 traballadoras, mentres que en enoturismo son arredor de 25. Así mesmo, cobra forza nas áreas de vendas e exportación, e nas de xestión e finanzas, dúas áreas nas que superan a vintena de mulleres.
Impulsando a produción dos vinos da Denominación de Orixe Rías Baixas
A incorporación da muller no mundo do viño non só supuxo un avance en termos de igualdade, senón que permitiu ampliar a diversidade de ideas e propostas nun sector que evoluciona constantemente e que, desde o minuto un, se fixo sentir na Denominación de Orixe Rías Baixas. Deste xeito, o seu papel foi fundamental para manter as cifras de vendas da denominación de orixe máis grande de Galicia no contexto socioeconómico actual. Así o amosan os datos, que sinalan que en 2024 o Órgano de Control e Certificación expediu un total de 35.630.086 botellas de viño amparado polo selo do Consello Regulador.
O avance da muller dentro da D.O. Rías Baixas é imparable, e resulta fundamental para seguir impulsando o crecemento, a innovación, a sostibilidade e a apertura a novos mercados dos seus viños. Recoñecer o seu traballo e as súas aportacións no só enriquece o traballo dos profesionais da denominación galega, senón que é unha forma de garantir o crecemento desta no futuro.