Tes a idade legal para consumir bebidas alcohólicas no teu país?
Para acceder aos contidos da nosa web debes ser maior de idade no teu país de residencia.
Os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas xorden dunha tradición vitícola moi arraigada nas 5 subzonas que a compoñen, resultado do cultivo de variedades de uva autóctonas como a Albariño, que acadan o seu máximo desenvolvemento nas condicións do sur de Galicia.
Contamos cun terroir único, e a excelencia e a continua innovación tecnolóxica na viticultura e elaboración dan como resultado unha gran variedade de viños atlánticos, frescos, monovarietais e multivarietais con diferentes coupages de moi alta calidade, que explican o prestixio que acadaron os viños Rías Baixas en todo o mundo.
Existe documentación relativa á elaboración dos viños Rías Baixas dende o século V, pero a súa evolución estivo vencellada inicialmente aos mosteiros cistercienses, como o de Armenteira; despois á nobreza e á actividade en casas grandes e pazos e, a partir dos anos 50, comeza a profesionalizarse. O paso máis decisivo neste sentido deuse na década de 1980, coa creación da denominación de orixe Rías Baixas. A historia da nosa denominación de orixe, dos nosos viños e adegas é apaixonante. Descúbrea!
As Rías Baixas son unha rexión privilexiada para o cultivo da vide e, sobre todo, para o desenvolvemento das cepas Albariño. O seu clima, orografía, solo, as súas variedades de uva autóctonas e a influencia do océano Atlántico determinan o noso ecosistema vitivinícola. Porque é neste terroir onde a uva Albariño acada o seu máximo desenvolvemento e dá todos os matices que fan do Albariño Rías Baixas un viño único.
As cinco subzonas que conforman a Denominación de Orixe Rías Baixas (Condado do Tea, O Rosal, Ribeira do Ulla, Soutomaior, e Val do Salnés) sitúanse en zonas de máxima calidade, segundo o Índice integral térmico eficaz, que mide o potencial de calidade medio dun enclave vitivinícola.
O viño monovarietal Albariño Rías Baixas é, sen dúbida, o verdadeiro protagonista da nosa denominación de orixe. Representa o 96 % da produción de uva e o 95 % da produción vitivinícola, especialmente na subzona do Salnés. Pero se algo caracteriza á Denominación de Orixe Rías Baixas é a variedade de uvas e tipos de viños multivarietais que produce, todos avalados polo selo de calidade Rías Baixas e unha mostra da singularidade das nosas 5 subzonas: O Salnés, O Rosal, Comarca do Tea, Ribeira do Ulla e Soutomaior. Un total de 9 tipos de viños que paga a pena descubrir.
A uva Albariño é o verdadeiro piar desta denominación de orixe. Con ela conviven outras 13 variedades de uvas brancas e tintas autóctonas. O seu cultivo baséase na profunda tradición vitivinícola de cada unha das 5 subzonas, que se mantivo ao longo dos séculos por pequenos produtores como actividade familiar, herdada de xeración en xeración. A partir de 1988, viticultores e produtores uniron forzas cara á profesionalización e ás elaboracións de calidade que hoxe nos caracterizan. Rías Baixas é sinónimo de riqueza varietal, capaz de personalizar os viños Rías Baixas das cinco subzonas.
A viticultura na Denominación de Orixe Rías Baixas estivo durante séculos nas mans sabias e expertas de máis de 5.000 viticultores, que sempre apostaron por unha viticultura tradicional dominada polo minifundio, o que favoreceu que tarefas como a poda ou a vendima se realizaran de xeito manual, máis respectuosas co medio ambiente. O sistema tradicional de emparrado favorece o desenvolvemento das vides, pero tamén o aproveitamento das parcelas vitivinícolas para a plantación de hortas de autoconsumo. En definitiva, o viñedo das Rías Baixas enténdese como un ecosistema no que insectos, microorganismos, o solo e outras plantas contribúen a manter o equilibrio natural.