O Consello Regulador da DO Rías Baixas participa estes días na Feira Nacional do Viño, FENAVIN, no Palacio de Exposicións e Congresos de Ciudad Real.
A denominación acode a esta cita, por quinto ano, dentro do espazo de Galicia xunto a outras catro das denominacións de orixe vitivinícolas galegas. Un espazo no que tamén se acolle un túnel do viño no que están presentes un total de 23 adegas. Rías Baixas acode a esta cita feiral nacional con 14 adegas como coexpositoras dentro da caseta de Galicia ao que hai que sumar que moitas outras adegas desta denominación que estarán presentes a través das casetas dos seus distribuidores ou grupos de empresas.
O obxectivo é mostrar as diferentes elaboracións destes viños atlánticos como son os espumosos de calidade, os brancos sobre leas, os viños criados en depósitos de aceiro inoxidable, os viños tintos, entre outros. Ata alí desprazáronse o secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro, xunto coa directora de Marketing, Eva Mínguez, quen estará do 9 ao 11 durante a duración da feira para acompañar ás adegas da denominación, así como para dar visibilidade do traballo que realiza desde hai anos esta Denominación de Orixe entre os prescritores nacionais e internacionais.
FENAVIN converteuse na feira monográfica do viño máis importante de España, cuxa cita bienal progresa adecuadamente edición tras edición. De feito, o Palacio de Exposicións e Congresos de Ciudad Real xa conta cunha superficie expositiva de máis de 30.000 metros cadrados de exposición, preto 2.000 expositores entre adegas e cooperativas, a totalidade das denominacións de orixe e das Comunidades Autónomas, así como máis de 19.000 compradores nacionais e internacionais dos cales 4.308 compradores proceden de 102 países.