O Palacio de Exposicións e Congresos de Cidade Real acolleu estes días a Feira Nacional do Viño (FENAVIN), unha cita á que o Consello Regulador da D.O. Rías Baixas acudiu por sétimo ano consecutivo dentro do pavillón de Galicia. Alí estivo presente xunto con outras catro denominacións de orixe vitivinícolas galegas. Este espazo tamén acolleu un ano máis un túnel do viño adicado a estes viños atlánticos no que participaron un total de 38 adegas.
Rías Baixas acudiu ademais con 15 adegas como coexpositoras dentro do stand de Galicia, á que se suman outras adegas que estiveron presentes a través dos stands dos seus distribuidores ou grupos de empresas. En cada un deles amosáronse as distintas elaboracións destes viños atlánticos, como os espumosos de calidade, os brancos sobre lías, os viños criados en depósitos de aceiro inoxidable ou os viños tintos, entre outros. Os asistentes á feira terán hoxe unha última oportunidade de achegarse a probar algún dos viños de Rías Baixas, xa que esta tarde tenrá lugar a clausura do evento.
Ata Cidade Real desplazáronse onte o secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro, xunto coa directora de Marketing, Eva Mínguez, para acompañar ás adegas da denominación e para visibilizar o traballo que veñen realizando desde fai anos entre os prescriptores nacionais e internacionais.
FENAVIN
Este evento converteuse na feira monográfica do viño máis importante de España, colleitando cada vez máis éxito. Na presente edición, o Palacio de Exposicións e Congresos de Cidade Real acolle un total de 1.922 expositores entre adegas e cooperativas, a totalidade das denominacións de orixe e das Comunidades Autónomas, e arredor de 20.000 compradores nacionais e internacionais.