Volver

04 de Xuño

78 marcas de Rías Baixas, presentes estes días na London Wine Fair

22 de maio de 2019.- A Denominación de Orixe Rías Baixas participa na 39 edición da London Wine Fair, que se desenvolve no céntrico recinto londinense de Olympia. Como en anteriores edicións, o expositor do Consello Regulador é un ‘wine bar’ no que os asistentes poden degustar ata 78 marcas pertencentes a 43 adegas. Destas empresas, un total de 25 aproveitarán o evento para buscar importador no país anglosaxón.

Os profesionais que visiten este posto poderán degustar 44 marcas da colleita 2018, 24 da de 2017, 6 da de 2016, 2 escumosos Rías Baixas, un tipo de elaboración moi en auxe no mercado británico, así como un 2010 e outro 2011. En canto ao tipo de elaboracións, atópanse desde viños do ano ata viños sobre lías ou envellecidos en madeira.

Distribuidores, maioristas, importadores de bebidas, así como compradores clave da canle detallista e da canle HORECA, restauradores, sumilleres e propietarios de pubs, bares ou hoteis danse cita estes días na principal feira dedicada ao viño no Reino Unido, na que Rías Baixas é un expositor habitual. Ata alí desprazouse o secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro.

Reino Unido é un mercado primordial para a D.O. Rías Baixas, posto que é o seu segundo importador de viño no mundo con 1.465.879,85 litros vendidos no exercicio 2018. España mantense como o cuarto país exportador a ese mercado. No caso concreto do Reino Unido o interese por estes viños atlánticos segue en aumento, xa que se está convertendo nun mercado de valor, máis sofisticado, no que se consume menos viño barato e máis de calidade, como é o caso dos Albariños Rías Baixas.

Dada a importancia deste mercado, o Consello Regulador cuenta cun plan específico de promoción. Unha das actividades que se desenvolverán este ano é un túnel en Edimburgo para o vindeiro 30 de setembro.