Un total de 120 adegas galegas e oito empresas comercializadoras e destilerías de augardentes e licores tradicionais darán a coñecer preto de 150 referencias de viños brancos e tintos e tamén de destilados entre o 7 e o 9 de xuño na London Wine Fair, un do foros de promoción vinícola máis relevantes de Europa que se celebra na capital británica.
Trátase da segunda acción de promoción conxunta levada a cabo pola Asociación de Consellos Reguladores do Viño de Galicia e a II. GG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA), tras a experiencia do pasado mes de febreiro en París, na Feira Vinexpo, que foi “todo un éxito” segundo recalca o presidente desta entidade, Juan Gil de Araujo. “Esta acción promocional e divulgativa dos viños, augardentes e licores tradicionais galegos é posible grazas ao decidido apoio do IGAPE”, destaca Gil de Araujo.
O presidente de ACRUAGA considera tamén que a promoción conxunta dos viños, licores e destilados galegos nalgúns dos foros máis importantes do continente, como é o caso da London Wine Fair, axuda a promover a internacionalización dos “magníficos produtos que elaboran en Galicia nosas adegas e destilerías” e a poñer en valor “os diferentes territorios amparados da nosa Comunidade Autónoma”.
“Os viños en Galicia son diversos segundo a zona na que se elaboran e as variedades que lle dan corpo, pero estas diferenzas lonxe de restar, suman, e permiten trasladar no exterior a idea de que contamos cunha ampla gama de paisaxes, territorios e modos de facer que nos permiten crear viños diferentes, que sorprenden pola súa franqueza e non deixan indiferentes aos consumidores”, abunda o presidente de ACRUAGA.
London Wine Fair
Tras a pandemia, a London Wine Fair recupera o seu carácter presencial entre o 7 e o 9 de xuño de 2022. Está previsto que máis de 14.500 profesionais ligados ao ámbito do viño e das bebidas espirituosas participen nesta edición do foro, un dos máis relevantes de cuantos celébranse en Europa.