Volver

28 de Agosto

A Asociación de Sumilleres de Galicia destaca a gran calidade dos viños da D.O. Rías Baixas presentados ás XXIII distincións Gallaecia

O Pazo de Mugartegui, sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, acolleu esta mañá a cata que cada ano realízase para outorgar as Distincións Gallaecia. A esta vixésimo terceira edición do certame, que organiza a Asociación de Catadoras de Galicia Gallaecia, presentáronse preto de 200 marcas da D.O. Rías Baixas.
Trece profesionais –entre catadores, enólogos, técnicos de Consellos Reguladores e críticos- foron os encargados de valorar as referencias. Fixérono distribuídos en dous paneis de cata, sen recibir máis información sobre cada viño que a anada á que corresponde. Este ano, por motivos de seguridade sanitaria en relación coa Covid-19, os organizadores tiveron que reducir o número de catadores para garantir distancias de seguridade.
“A D.O Rías Baixas supérase cada ano”
O presidente da Asociación de Catadoras Gallaecia, Aurelio Vázquez, destacou as calidades de acidez e frescura que confiren o carácter atlántico aos Rías Baixas. “Estes viños son moi frescos, moi equilibrados e cunha acidez impecable”, apuntou. Nesta ocasión, Aurelio Vázquez puxo o foco, sobre todo, na anada de 2019, da que destacou a “elevada calidade e o equilibro de todos os viños”. Ademais, o presidente de Gallaecia sinalou varias particularidades respecto a colleitas anteriores: “cada vez advertimos maior diferenciación entre adegas e mesmo entre viños da mesma marca. Ademais, a D.O. empezou a elaborar viños de leiras, o cal abre unha nova liña de produción moi interesante”.
Enólogos, catadores e críticos valoraron diferentes anadas, – principalmente a de 2019 pero tamén algunha máis antiga como a 2011 ou 2013-. Baixo a perspectiva destes expertos, “nas máis antigas obsérvase que os viños envellecen de forma excepcional e que posúen unha complexidade humillante. Sen dúbida, o potencial de crianza da uva é espectacular”, determina Aurelio Vázquez. En conclusión, para este especialista, “a D.O. Rías Baixas supérase cada ano”.
En setembro, os resultados
Coa xornada de hoxe en Rías Baixas, a Asociación de Catadoras de Galicia ( Gallaecia) pon fin ás precatas desenvolvidas nas cinco denominacións de orixe vinícolas galegas, ás que se une a cata especial de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Para principios de setembro está prevista a cata final, na que participarán as referencias que nesta fase previa superen os 87 puntos. As Distincións de Gallaecia outorgaranse a aqueles viños cunha puntuación de 92 ou superior.
Catadores en Rías Baixas
Na avaliación de hoxe no Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, participaron catadoras, enólogos, distribuidores, técnicos doutras denominacións de orixe de España e formadores do ámbito da hostalería. Os expertos responsables de analizar os viños presentados a esta cata foron Aurelio Vázquez, presidente Gallaecia; Natalia Cid, tesoureira de Gallaecia e Catadora do Grupo Montesqueiro; Pedro T. Sestayo, secretario de Gallecia e docente; Jorge Mazairas, director técnico da D.O. Valdeorras; Carlos Ximénez, enólogo; Javier Facal, catador de ‘A Mundiña’; Xabier Barcala, catador Vinoteca Comoviño; Joel Forján, restaurante Casa Aurelio; José do Pazo, membro do Panel de Clasificación Rías Baixas; Pablo Estévez, enólogo; Pablo Vidal, enólogo; Víctor López, catador vinoteca ‘O Carro’; Teba Conde, docente; Alejandro Paadín, vicepresidente Gallaecia, e Luís Paadín, responsable da Guía de viños de Galicia.