21 de novembro de 2018.- O Hotel Villa Real de Madrid acolleu esta mañá a VII Cata das Colleitas da Denominación de Orixe Rías Baixas, na que participaron 75 marcas de 36 adegas. Un panel de cata integrado por 27 expertos -9 integrantes do panel de cata interno do Consello Regulador e 18 profesionais externos (xornalistas, sumilleres…)- valorou as 75 mostras a concurso, entre as que figuran colleitas de 2016 e anteriores.
A Cata das Colleitas ten carácter bienal e o seu obxectivo é demostrar as posibilidades de garda dos viños da denominación, así como o potencial enolóxico das variedades amparadas por Rías Baixas. Na presente edición, os catadores valoraron vinte mostras de 2016 e outras tantas de 2015; oito de 2014; seis de 2013 e seis de 2012; tres de 2011; cinco de 2010; unha de 2009; tres de 2007 e a mesma cantidade de 2006. Os viños que obteñan máis de 82 puntos serán galardoados coa Colleita de Prata. Aqueles que sumen máis de 85 e menos de 92 puntos serán distinguidos coa Colleita de Ouro. E os que superen os 92 puntos recibirán como galardón a Gran Colleita de Ouro.
A entrega de diplomas terá lugar o venres 23 de noviembro no Castelo de Soutomaior. A cita terá lugar a partir das 14:30 horas.
O xurado coincidiu á hora de realizar un balance “moi positivo” da VII Cata das Colleitas da D.O. Rías Baixas. Destacaron especialmente a capacidade de envellecemenento dos viños presentados a este certame, facendo fincapé en referencias de colleitas como a 2014 ou a 2010, que lles sorprenderon moi gratamente. Deste xeito, ratifícase que os viños de Rías Baixas teñen unha traxectoria no tempo e unha longa garda en botella, mellorando co paso dos anos.
Túnel das Colleitas
Pola tarde, de 17:30 a 22:00 horas, o Consello Regulador organiza a terceira edición do Túnel das Colleitas, no que os profesionais do sector poderán probar todos os viños que participan neste certame. A acción, que tamén se desenvolverá no Hotel Villa Real, pretende trasladar aos prescriptores as virtudes dos viños Rías Baixas de colleitas anteriores para que eles mesmos poidan comprobar as súas posibilidades de garda.