27 de agosto de 2019.- O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas realizou en México dúas accións para divulgar as cualidades dos seus viños tanto entre profesionais do sector como entre o consumidor final. Trátase dunha masterclass en Le Cordon Bleu da Universidade Anáhuac (Mérida) e dunha cata maridaxe no Club de Cata Mesa 19 de Cidade de México.
A masterclass en Le Cordon Bleu, de dúas horas de duración, foi impartida por Andrés Amor, sommelier e representante da D.O. no país norteamericano. Amor centrou a súa intervención nos matices que presenta a variedade albariño segundo as subzonas de Rías Baixas. Para iso catáronse e analizáronse dez marcas diferentes de viños da denominación.
As vinte persoas asistentes a esta actividade, profesionais como chefs, responsables de restaurantes ou estudantes de gastronomía especializados en viños, interesáronse polas características organolépticas dos viños catados e comentaron sobre todo a distinción do terroir e a súa relevancia en Rías Baixas.
Cata maridaxe con queixos
‘Wine & Cheese Night’ foi o título da cata maridaxe celebrada no Club de Cata Mesa 19 de Cidade de México, na que os viños da D.O. Rías Baixas presentáronse como un acompañamento ideal para diferentes queixos mexicanos. Impartida polo experto Lee Salas, acompañado por Andrés Amor, durante tres horas permitiu catar dez queixos e catro marcas de viños con D.O. Rías Baixas. As 24 persoas asistentes eran na súa maioría integrantes do club, así como algún profesional do sector, todos eles apaixonados do viño.
Andrés Amor destacou que a actividade contribuirá a desterrar tópicos entre o público mexicano: “foi notable a gran harmonía existente entre viños brancos e queixos, que os mexicanos tendemos a relacionar soamente co viño tinto”. Neste sentido, explica que a cata maridaxe proposta foi “unha grata experiencia que derivou nun mellor coñecemento sobre as propiedades do queixo e a D.O. Rías Baixas, as súas subzonas e estilos”.
Un mercado en alza
O mercado mexicano posiciónase entre os prioritarios desta denominación de orixe. De feito é un dos países asentados no top-ten das exportaciones dos viños Rías Baixas. As vendas a México en 2018 superaron os 251.000 litros, alcanzando un valor de 1.546.621 euros.
A análise da evolución deste mercado durante a última década permite comprobar que experimentou un ascenso do 201,21%, pasando dos 83.442 litros de 2008 aos máis de 251.000 litros de 2018, máis do triplo.