As campañas promocionais da D.O. Rías Baixas no eido internacional continúan no 2021, aínda que adaptadas á situación da pandemia en cada mercado. Como novos retos para este exercicio presentanse países do Este de Europa, República Dominicana, Rusia, e Taiwán. En canto ao resto de países vaise manter unha liña continuista, centrada nos principais destinos de exportación.
De este xeito, Alemania, Canadá, Estados Unidos, Irlanda, Xapón, México, Países Bajos, Polonia e Reino Unido, seguirán sendo o centro de atención dos plans promocionais do Departamento de Marketing do Consello Regulador. Na actualidade exportan un total de 107 adegas, das 179 que forman parte desta denominación.
O plan de marketing para 2021 combinará propostas en liña, sobre todo durante o primeiro semestre do ano, con actividades presenciais que se celebrarán a partir de xuño, se a situación o permite e con todas as medidas de seguridade oportunas.
En Rusia e República Dominicana focalizarase a atención en actividades de formación dirixidas a prescritores principalmente; mentres que nos Países do Este levarase a cabo unha misión directa de compradores. Asia tamén formará parte deste cronograma coa celebración de dúas actividades en Corea e Taiwán nas que participarán adegas.
Como explica a directora de marketing do Consello Regulador, Eva Mínguez, “o plan promocional de cada país depende do posicionamento dos viños de Rías Baixas nel. Se é un mercado incipiente o eixo principal será a formación, mentres que se o destino xa ten certa madurez, sen deixar de traballar cos prescritores, as accións centraranse en promocións en punto de venda e actividades de relacións públicas”.
En Europa, concretamente nos países da Unión Europea, así como en América, en Estados Unidos, Canadá e México, onde xa existe un coñecemento dos viños da D.O. Rías Baixas, continuarase cunha estratexia similar á de anos anteriores, con accións dirixidas non só ao profesional senón tamén ao consumidor final.
Con motivo da celebración da Cata-Concurso Rías Baixas Albariño celebrarase o Día do Albariño-Rías Baixas en diferentes mercados internacionais.