Un total de 24 adegas de Rías Baixas danse a coñecer estes días en Vinexpo, en París, na primeira acción de promoción levada a cabo pola Asociación de Consellos Reguladores do Viño de Galicia e das II. GG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA). Trátase da primeira vez que os viños e destilados galegos amparados baixo selos de calidade promociónanse de forma conxunta no exterior.
Para Juan Gil de Araujo, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas e de ACRUAGA, a habilitación en Vinexpo dun espazo expositor común aos seis consellos reguladores, posta en marcha grazas ao apoio do IGAPE, “permitirá crear sinerxias entre os diferentes territorios amparados e dar a coñecer a fortaleza de Galicia dentro do mundo vitivinícola español, xerando así unha cada vez maior capacidade exportadora”. Gil de Araujo anuncia “que esta é a primeira das accións de promoción conxunta que realiza a asociación en 2022, ademais das iniciativas doutra índole que se están realizando xa, como os cursos de formación de directivos”.
Vinexpo
Vinexpo, o evento estrela do grupo Vinexposium constitúe o primeiro gran encontro vinícola internacional do ano. O sector do viño e as bebidas espirituosas, que non se reunía en París desde hai case dous anos, recibiu este ano con gran expectación Wine Paris & Vinexpo Paris, que conta con 2.800 expositores de 32 países durante tres días.
España ocupa o terceiro lugar detrás de Francia e Italia, cun aumento da participación de todas as autonomías que participan neste gran evento dedicado á exportación, en particular Castela e León, Galicia e Castela A Mancha.
Sobre ACRUAGA
Hai uns meses, creouse a Asociación de Consellos Reguladores do Viño e Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA) para dar cobertura a un convenio de colaboración subscrito co IGAPE cuxo fin é a promoción internacional dos viños e destilados amparados baixos os selos de calidade diferenciada de Galicia.
Unha entidade que impulsará accións de formación e difusión dos produtos amparados polos selos de calidade dos seis organismos integrados na iniciativa: os consellos reguladores de Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, O Ribeiro e Valdeorras -no caso dos viños- e Augardentes de Galicia. Ademais de Vinexpo, os membros de Acruaga estudan participar no mes de xuño na London Wine Fair, a fería vinícola máis relevante de cantas celébranse en Reino Unido.